O subdelegado do Goberno destaca o incremento da actividade da Garda Civil en canto ao número de investigados nos concellos de Viana do Bolo e de Barbadás

17/03/2021

A taxa de criminalidade no concello de Viana do Bolo sitúase en 11 infraccións penais por cada mil habitantes

O concello de Barbadás mantén a tendencia á baixa nos índices de criminalidade

Nas Xuntas Locais de Seguridade acordouse a activación do Plan Estratéxico de resposta policial ao consumo e tráfico de drogas minorista en zonas, lugares e locais de ocio


Durante a mañá de hoxe tivo lugar a celebración, de maneira telemática, das Xuntas Locais de Seguridade dos concellos de Viana do Bolo e de Barbadás, nas que se analizaron e valoraron os datos de seguridade cidadá, así como de violencia de xénero nos devanditos municipios.

As xuntanzas leváronse a cabo baixo a presidencia compartida do subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e dos respectivos rexedores municipais: o alcalde de Viana do Bolo, Abelardo Carballo, e o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel.

O subdelegado do Goberno quixo comezar as reunións trasladando aos representantes das forzas e corpos de seguridade presentes o seu agradecemento pola profesionalidade demostrada e a súa capacidade de traballo ao compatibilizar, dende o pasado mes de marzo, as labores fronte a pandemia coa protección da seguridade.

No tocante á seguridade cidadá o subdelegado do Goberno destacou o incremento da actividade da Garda Civil en canto ao número de investigados en ambos concellos.

Así mesmo, Emilio González tamén salientou o incremento da cifra de infraccións administrativas con respecto ao pasado ano en ambos os dous concellos. Este aumento débese, en boa medida, aos supostos de incumprimento da normativa decretada fronte a COVID-19 que deron lugar a propostas de sancións administrativas.

VIANA DO BOLO

No concello de Viana do Bolo produciuse un incremento das infraccións penais, que supuxeron que a taxa de criminalidade aumentase en sete puntos con respecto ao período anterior, ata situarse en 11 infraccións penais por cada mil habitantes. A pesar deste repunte, Emilio González sinalou que “os niveis de seguridade que mantén o concello de Viana do Bolo seguen facendo deste un municipio seguro en relación a municipios de poboación similar”.

No tocante aos datos facilitados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, indican que na actualidade en Viana do Bolo hai activos no sistema VioGén un total de tres casos (dous presentan risco baixo e un risco non apreciado). Constátase que nos tres se conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación.

BARBADÁS

No concello de Barbadás os datos de delincuencia amosan un descenso das infraccións penais en termos xerais, aínda que se observa un lixeiro incremento dos delitos graves e menos graves contra o patrimonio. Emilio González manifestou que este segue a ser “un concello seguro no que todas as administracións e as forzas e corpos de seguridade seguirán traballando para manter os niveis de seguridade”.

No caso do concello de Barbadás son nove os casos activos no sistema VioGén (un presenta risco baixo e oito risco non apreciado). En sete casos cóntase con medidas de prohibición de aproximación e comunicación e un deles conta con medidas de prohibición de aproximación.

PLAN ESTRATÉXICO DE RESPOSTA POLICIAL AO CONSUMO E TRÁFICO DE DROGAS MINORISTA E PLAN DIRECTOR

Como outro dos puntos da orde do día estableceuse a activación do Plan Estratéxico de resposta policial ao consumo e tráfico de drogas minorista en zonas, lugares e locais de ocio dos concellos de Viana do Bolo e de Barbadás, a través do cal as forzas e corpos de seguridade desenvolverán actuacións para previr e reducir a oferta de drogas aos consumidores, especialmente entre a mocidade, así como previr a condución de vehículos a motor baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou drogas tóxicas.

No tocante ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas destacouse que durante este curso a maioría das actividades programadas nos centros escolares de ambos concellos, como son as charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sobre temas de acoso escolar, riscos das novas tecnoloxías e as redes sociais, bandas xuvenís e violencia de xénero, estanse a retomar de xeito telemático.

O subdelegado do Goberno explicou que, pese ás limitacións derivadas da crise sanitaria, é moi importante que a Garda Civil e a Policía Nacional poidan continuar coa actividade do Plan Director, posto que é un instrumento moi valorado pola comunidade educativa.

Así mesmo, sinalouse o mantemento dos dispositivos de vixilancia por parte da Garda Civil e da Policía Local nas inmediacións dos centros educativos para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.