Javier Losada subliña a ampla presencia de galegas nos “Premios Nacionais de Excelencia á Innovación” como mostra do emprendimento das mulleres do sector agrario e pesqueiro de Galicia

Logotipo

10/10/2019


O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación concedeu onte os “Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais” que, na súa décima edición, premiaron once traballos, catro deles en Galicia

O delegado do Goberno felicita ás galardonadas e agarda que supoñan de exemplo para outras mulleres que estean traballando para crear novas oportunidades no mundo rural


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou a ampla presencia de galegas nos “Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais” como mostra da capacidade de emprendimento e innovación da muller no sector pesqueiro e agrario galego.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación concedeu onte os “Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais” que, na súa décima edición, premiaron os traballos de once mulleres vencelladas co medio rural, dos que catro foron para empresas e proxectos impulsados por galegas. Tres o son na categoría de “Innovación na actividade pesqueira ou acuícola” e un na categoría “Innovación na diversificación da actividade económica do medio rural”.

Javier Losada lembra que se trata de premios a nivel nacional que o Ministerio convoca anualmente para dar visibilidade ao labor das mulleres rurais na diversificación da actividade económica e as actuacións emprendedoras no territorio. O delegado do Goberno felicita ás galardonadas e agarda que supoñan de exemplo para outras mulleres que estean traballando para crear novas oportunidades no mundo rural.

 

Excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola:

Neste apartado, o primeiro premio concedeuse a Conservas Artesás  Curricán, empresa concibida e levada a cabo por mulleres no concello lucense de Xove. Dela valorouse que ademais de ofrecer diferentes variedades de conservas de peixe e marisco envasadas artesanalmente en cristal, ofrecen pratos preparados propios da gastronomía galega. Utilizan materia prima procedente de artes de pesca artesanal, selectiva e sustentable.

En segundo lugar premiouse á Confraría de Pescadores “A Pastoriza”, de Vilanova de Arousa, polo seu proxecto de implantación da ferramenta tecnolóxica Xesmar, que permite un control eficaz e seguro das asistencias das mariscadoras aos traballos programados e facilita as comunicacións internas.

A Federación  Galega de  Redeiras  Artesás O  Peirao é a premiada en terceiro lugar deste apartado. Trátase dunha entidade sen ánimo de lucro con sede en Malpica (A Coruña) que unifica o colectivo de redeiras galegas para dignificar a profesión e visibilizala. A defensa dos intereses das  redeiras, así como a procura de novas alternativas de emprego son dous dos seus principais obxectivos.

Excelencia á innovación na diversificación da actividade económica do medio rural:

Nesta categoría Galicia recibe o segundo premio, que se lle concedeu ao proxecto  Levinred Wine Cosmetics, de Levinred Sociedade Cooperativa Galega, unha aposta persoal de dúas mulleres novas por vivir na terra dos seus antepasados e reivindicar o traballo que realizaban nos seus viñedos. Asentadas no concello ourensán de Leiro, utilizan o viño do Ribeiro para a elaboración de produtos cosméticos naturais.

DÉCIMA EDICIÓN DOS PREMIOS

Con estes premios, que cumpren dez anos, o Ministerio mostra o seu compromiso coas políticas que impulsan a igualdade de xénero plena, favorecen o acceso aos mozos á actividade agraria e fomentan a diversificación da actividade agraria no medio rural, o que contribúe a frear o despoboamento das contornas rurais.

Os galardóns serán entregados polo ministro en funcións, Luís Planas, nunha gala que se celebrará o próximo 16 de outubro.