A subdelegada do Goberno en Lugo presenta unha campaña de vixilancia e control das distraccións ao volante que desenvolverán a DXT e a Garda Civil de Tráfico do 16 ao 22 de setembro

A subdelegada do Goberno en Lugo presenta unha campaña de vixilancia e control das distraccións ao volante que desenvolverán a DXT e a Garda Civil de Tráfico do 16 ao 22 de setembro

12/09/2019


A subdelegada chama a atención sobre o gran risco de hábitos como o uso do teléfono móbil mentres se conduce

Isabel Rodríguez lembra que 13 persoas perderon a vida na provincia desde o ano pasado en accidentes nos que se produciron distraccións durante a condución

A campaña ponse en marcha nunhas datas que o ano pasado foron especialmente tráxicas, con 8 accidentes nos que faleceron 9 persoas e en 5 deses sinistros houbo distraccións


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presentou hoxe unha campaña de vixilancia e control de distraccións ao volante, que desenvolverá a semana que vén nas estradas da provincia de Lugo a Dirección Xeral de Tráfico coa colaboración da Garda Civil de Tráfico.  A subdelegada estivo acompañada na presentación, que tivo lugar esta mañá en Lugo, na glorieta da Campiña, polo xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, e polo xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil, capitán José Miguel Martínez.

Isabel Rodríguez chamou a atención sobre o gran risco que supoñen hábitos como o uso do teléfono móbil e lembrou que desde o ano pasado morreron 13 persoas na provincia en accidentes nos que se produciron distraccións durante a conducción.

“Son 13 persoas mortas na provincia que seguirían con nós de non ser por distraccións, como a que supón o uso de teléfonos móbiles. Por elas estamos hoxe aquí, pedíndolle a condutores e peóns que tomen conciencia de que non se deben asumir riscos ao volante. O móbil é estupendo para pedir axuda no caso dunha emerxencia, pero usar o móbil mentres se conduce un vehículo ou se cruza unha rúa é un auténtico perigo”, manifestou a subdelegada.

Rodríguez explicou que a nivel nacional, as distintas formas de distracción interviñeron como factor concorrente nun 32% dos accidentes mortais durante 2018. Na provincia de Lugo, esta porcentaxe foi maior, elevouse a case o 45% no caso dos accidentes mortais e ao 27% dos accidentes con vítimas.

Indicou tamén que a campaña ponse en marcha precisamente nestas datas porque o ano pasado setembro e outubro foron os meses máis tráxicos nas estradas da provincia, con 8 accidentes mortais nos que faleceron 9 persoas. En 5 deses accidentes interveu a distracción como factor concorrente. 

No que vai de 2019, este factor interveu en máis da terceira parte dos accidentes mortais nas vías da provincia, nos que faleceron 4 persoas.

Pola súa parte, o xefe provincia de Tráfico advertiu de que a volta á normalidade e aos roteiros coñecidos non debe facer que nos confiemos. E remarcou que as distraccións non só afectan os condutores de turismos, senón de todos os vehículos, mesmo aos peóns xa que o uso do teléfono móbil polos peóns ao cruzar aumenta o risco de atropelo.

Ángel Álvarez considerou necesario o compromiso de todos os usuarios das vías públicas para que non se cobren máis vidas. E afirmou que a evidencia dispoñible indica que o uso do teléfono móbil durante a condución aumenta de forma significativa (entre tres e catro veces) o risco de colisión. Marcar un número de teléfono móbil, responder a unha chamada telefónica, ler ou contestar a un “ whatsapp”, manipular o navegador ou utilizar as redes sociais, supón apartar a vista e a atención da estrada durante un tempo, período no que o vehículo circula sen o noso control e poden xurdir circunstancias que provoquen un accidente grave, que probablemente fariamos evitado se puidésemos reaccionar a tempo.

O xefe provincial de Tráfico lembrou que varios estudos puxeron de relevo que, tras un minuto e medio de falar polo móbil, mesmo co sistema mans libres, o condutor non percibe o 40% dos sinais, a súa velocidade media baixa un 12%, o ritmo cardíaco acelérase bruscamente, durante a chamada, e tárdase máis en reaccionar. Por iso, indicou que é preferible parar nun lugar adecuado para atender as chamadas e as mensaxes, ou cambiar a música con seguridade e tomando o tempo necesario.

Asimesmo, Álvarez indicou que aínda que intervén na maioría das distraccións, o teléfono móbil non é a única causa; utilizar indebidamente o navegador, fumar ao volante, mirar un mapa, colocar incorrectamente obxectos no habitáculo que poidan caerse e haxa que recoller de súpeto… tamén provocan accidentes moi graves. Tamén hai que ter en conta que a somnolencia e a fatiga alteran a capacidade para prestar atención á contorna e reaccionar ante calquera imprevisto, polo que é aconsellable poñerse ao volante o máis descansados posible, así como parar nun lugar adecuado como máximo cada dúas horas de viaxe e sempre que o necesitemos.

A combinación do uso do móbil co cansazo ou a tensión e a velocidade excesiva ou inadecuada aumenta exponencialmente o risco de sufrir un accidente moi grave ou mortal.