O Goberno atende a demanda dos concellos de Alfoz e o Valadouro e incluirá os dous municipios na sinalización da A-8

O Goberno atende a demanda dos concellos de Alfoz e o Valadouro e incluirá os dous municipios na sinalización da A-8

01/03/2019


A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, anuncioulle aos alcaldes, Jorge Val e Edmundo Maseda, que Fomento xa encargou o sinal que indicará onde sair da autovía para chegar aos dous concellos


A subdelegada do Goberno anunciou hoxe aos alcaldes de Alfoz, Jorge Val, e O Valadouro, Edmundo Maseda, que os seus concellos van ser incluídos na sinalización da A-8, tal como lle solicitaran os dous rexedores municipais.

Isabel Rodríguez comunicoulles aos rexedores de Alfoz e O Valadouro que o Goberno atenderá a súa xusta demanda, pola que levan moito tempo pelexando. “Felicitei aos dous alcaldes por este logro que levan anos reivindicando a inclusión de Alfoz e O Valadouro na sinalización vertical das saídas da Autovía A-8, unha demanda que este Goberno atende porque considera que se trata dun acto de xustiza que beneficiará sen dúbida a estes dous concellos da Mariña interior”.

A subdelegada explicoulles a Jorge Val e Edmundo Maseda  que Fomento xa ten encargado o sinal que indicará cal é a mellor saída da autovía para viaxar ata os concellos de Alfoz e O Valadouro. No sinal, que indica a saída 536 da A-8, incluiranse os nomes das capitalidades dos dous municipios, indicación A Seara (Alfoz) e Ferreira (O Valadouro), xunto cos de Lourenzá e Mondoñedo.

A instalación da nova sinalización producirase logo das xestións feitas pola subdelegada do Goberno para dar cumprimento a unha demanda pola que os dous concellos levan agardando máis de catro ano. As Corporacións locais de Alfoz e O Valadouro adoptaron acordos plenarios en 2014 no que facían esta reivindicación para acabar coa marxinación dos dous concellos na sinalización da A-8 e, dende ese momento, os seus alcaldes realizaran múltiples xestións con anterior Goberno que nunca atendeu as súas peticións.