Isabel Rodríguez: “Os Presupostos de 2019 son unha boa noticia para os máis de 60.000 pensionistas das comarcas de Lugo, Terra Chá e A Montaña”

Isabel Rodríguez: “Os Presupostos de 2019 son unha boa noticia para os máis de 60.000 pensionistas das comarcas de Lugo, Terra Chá e A Montaña”

01/02/2019


A subdelegada do Goberno remarca que “con estes Presupostos o Executivo aposta por Lugo e os lucenses, porque atenden aos colectivos máis castigados polos recortes do PP e aumentan un 18% o investimento real na nosa provincia, que supera os 71 millóns de euros”

Isabel Rodríguez destaca que “este Goberno aposta pola recuperación do Estado do Benestar, sen desatender as obras que modernizarán a provincia de Lugo e mellorarán a vida dos lucenses”

Os Presupostos do Estado para 2019 inclúen investimentos directos de case 17 millóns de euros nos concellos do centro da provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, analizou hoxe da importante achega que fan os Presupostos Xerais do Estado para 2019 á mellora da calidade de vida dos veciños de Lugo e as comarcas do centro da provincia, e puxo como exemplo que “estes Orzamentos son unha boa noticia para os máis de 60.000 pensionistas  que viven nas comarcas de Lugo, a Terra Chá e a Montaña”. Ademais de ter un marcado carácter social, os Orzamentos do Estado para 2019 prevén investimentos directos por importe de case 17 millóns de euros nos concellos do centro da provincia.

“Estes Presupostos revelan a aposta do Goberno pola provincia de Lugo, porque benefician aos veciños máis vulnerables e, comparando co ano pasado, aumenta un 18,24%  o investimento real na nosa provincia”, destacou a subdelegada quen lembrou que “este ano o Goberno presuposta para Lugo un investimento de 71,2 millóns de euros, nunhas contas que teñen como principal obxectivo atender ás persoas máis vulnerables, que foron as que resultaron máis castigadas polos recortes dos gobernos do PP”.

“Queda claro que este Goberno aposta pola recuperación do Estado do Benestar, pero non esquece as obras que modernizarán a nosa provincia nin desatende os proxectos que mellorarán a calidade de vida dos lucenses”, explicou a subdelegada. Así, Isabel Rodríguez lembrou que “o Goberno dálle a máxima prioridade nas contas do Estado aos colectivos que foron vítimas das políticas regresivas dos gobernos do PP, como os pensionistas, os desempregados, o mozos que precisan dunha axuda económica para poder estudar  ou as mulleres maltratadas”.

Isabel Rodríguez detallou que a revalorización das pensións vai beneficiar a  60.155 cidadáns que residen en Lugo e o resto dos concellos da zona centro da provincia. Os pensionistas tamén se beneficiarán da supresión progresiva do copago farmacéutico. Do mesmo xeito, os Presupostos do Estado para 2019  aumentan a 30,5 millóns de euros as partidas para becas para chegar a 52.426 estudantes. A recuperación do subsidio de desemprego para maiores de 52 anos supón un investimento de 15,1 millóns para chegar a 5.343 galegos e galegas. E, ademais, 61 concellos da provincia de Lugo poderanse adherir ao programa para facerlle fronte ao reto demográfico que conta con 80 millóns de euros para concellos con menos de 10.000 habitantes.

16,8 MILLÓNS EN OBRAS

Estas medidas sociais son prioritarias para o Goberno que tamén reforza os investimentos en obras na provincia de Lugo coa finalidade de modernizar as comunicacións e a calidade de vida dos veciños. Así, a subdelegada detallou que Lugo e as comarcas da zona central da provincia   beneficiarase dun investimento directo en obra pública na comarca de 16.819.666 millóns de euros, que inclúen tanto melloras en estradas como actuacións para a recuperación do patrimonio cultural, como é o caso dos traballos de consolidación estrutural da Muralla, a rehabilitación do Pazo do Xeneral Paredes en Portomarín e actuacións en concellos do Camiño de Santiago. Tamén hai partidas para a A-54 Narón-Guntín e o intercambiador de Guntín, unha glorieta para mellorar a seguridade na N-VI ao seu paso por Outeiro de Rei e unha partida da A-54 no treito Vilamoure-Nadela. A estes investimentos hai que engadir os previstos para conservación de estradas, as axudas de Fomento dentro do programa de rehabilitación de vivenda ou os da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o CETAL.

Ademais, os concellos das comarcas do centro da provincia beneficiaranse de actuacións como os 9,4 millóns para adecuación dos túneles ao RD 635/2006 sobre seguridade ou os 200.000 euros presupostados para rehabilitación do firme da N-540 e os 200.000 previstos para a N-547 con destino a melloras nos cruces dos Camiños de Santiago.

A estes investimentos engádense as actuacións que se levarán a cabo no conxunto da provincia, que conta no Presupostos para 2019 con un investimento de 71.224.690 euros. Concretamente, o investimento real en estradas é de 43,45 millóns de euros. O Presuposto inclúe partidas para as autovías A-54, A-56, A-74 e A-76, ademais de 26 millóns de euros para a conservación de estradas, así como os 5 millóns de euros para medios antinéboa na A-8. Ademais, nos Presupostos para a provincia destaca o aumento nun 96,1% do investimento na modernización do ferrocarril, que pasa dos 8,8 millóns de 2018 aos 17,4 neste ano. Os investimentos máis relevantes de Adif son os  8,8 millóns de euros para a renovación de variantes da liña Monforte-Lugo e os 5,1 millóns para a electrificación da liña Monforte- Lugo.