Maica Larriba mantén una xuntanza de traballo co alcalde de Tui para analizar a situación de Paramos

27/09/2018


A Subdelegada recorda a Carlos Vázquez Padín a necesidade de vixiar as instalacións da pirotecnia clausurada polo Concello


A Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín na que analizaron como se atopan os distintos trámites tras a aprobación o sete de setembro, en Consello de Ministros, da zona de Paramos como “zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil”.

En primeiro lugar, a Subdelegada aseguroulle o alcalde que o proxecto que había presentado para o desentullo da zona foi remitido o Ministerio de Política Territorial, xa que tal e como recolle o propio acordo do Consello de Ministros, “será o Ministerio de Interior o que, tras a firma dun protocolo entre Política Territorial e o concello de Tui, quen articulará as axudas que garanticen o desentullo da zona”. “Este é un compromiso firme  do Goberno como xa ven explícito  no acordo do sete de setembro”, recordou Larriba.

Ao mesmo tempo, a Subdelegada tamén indicou que se están a facer consultas con Facenda para garantir que as axudas que os afectados da zona de Paramos reciban para a reconstrución das súas vivendas queden exentas da tributación do IRPF, como había solicitado a propia Plataforma de Afectados nunha xuntanza previa. Unha consulta similar se ten elevado ao Instituto nacional da Seguridade Social sobre o efecto que poidan ter estas axudas sobre algúns casos de afectados que son pensionistas e perciben rendas con complementos a mínimos. “Sobre todo nestes casos é onde máis estamos a facer fincapé porque son os afectados máis vulnerables e os que máis nos preocupan nesta Subdelegación”, subliñou Larriba.

Outro dos aspectos  aos que tamén se referiu a Subdelegada é a situación da pirotecnia clausurada polo Concello de Tui e a súa seguridade. Maica Larriba insistiulle o alcalde na necesidade de vixiancia e control desas instalacións “dado que no seu interior existe material explosivo e pode resultar perigoso polo que é necesaria unha implicación total do concello por ser o ordenante da clausura”.

Polo momento, tal e como informou o alcalde aínda non teñen decido como van a acometer a sentencia de reposición urbanística, ao que a Subdelegada recordoulle a necesidade de que se permita os accesos as instalacións clausuradas dos servizos de vixiancia e control neste período de tempo e “a máxima precaución antes de realizar calquera obra nunhas instalacións desta consideración”.