A Subdelegación do Goberno en Lugo homenaxea a dous veciños de Portomarín vítimas da ETA

Imaxe da homenaxe en Portomarín a vitimas de ETA

07/09/2018

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, expresou o seu apoio e solidariedade ás vítimas do terrorismo, nun acto organizado polo Concello de Portomarín para homenaxear a dous veciños do municipio que sofriron atentados da ETA. A subdelegada do Goberno interviu na homenaxe adicada ao garda civil Constantino Gómez Barcia, asesinado en Mondragón o 13 de marzo de 1977, e María Elvira Adelina Somoza Rodríguez, que resultou gravemente ferida no atentado que cometeu a ETA no Hipercor de Barcelona, o 19 de xuño de 1987.

“Non estades sós”, remarcou Isabel Rodríguez na súa intervención na que afirmou que “este é un acto no que o pobo de Portomarín demostra o seu cariño e a súa sensibilidade para coas persoas que foron vítimas inocentes da sinrazón. A todas as vítimas e moi especialmente ás que nos resultan máis cercanas, aos nosos paisanos, amigos, familiares, xente coma nós que se convertiu en vítima só por estar no lugar equivocado no momento equivocado. Foron eles, pero podería ser calquera de nós”.

A subdelegada do Goberno explicou que “eu súmome gustosa a este acto de lembranza e de recoñecemento, para darlles as grazas, ás vítimas e ás súas familias, e para demostrarlles que, por moito tempo que pasara, non están sós. Coa miña presencia neste acto, pretendo transmitirvos aos familiares de Constantino, a Adelina e a súa familia, o noso recoñecemento, o noso cariño e demostrarvos que contades co respecto de todos nós. Non só dos veciños de Portomarín, senón tamén do resto dos lucenses e persoas de ben”.

Rodríguez López engadiu que “este é un acto sinxelo, pero cheo de simbolismo e de agarimo. Sabemos que nada poderá compensar o sufrimento causado polos terroristas. Pero queremos que as nosas vítimas non se sintan soas, senón agarimalas e abrazalas para que sintan a nosa solidariedade”.

“Lembramos hoxe aquí a Constantino Gómez Barcia, un home novo, comprometido coa defensa dos nosos dereitos, un garda civil que deu a súa vida cumprindo coa misión que ten encomendada a Benemérita: garantir as liberdades de todos os cidadáns. Por cumprir a súa obriga e coidar de nós, Constantino foi asesinado en cando estaba no mellor da vida. Só tiña 21 anos. É de xustiza que os seus familiares reciban a nosa gratitude e cariño. Como o é manifestarllo a Adelina Somoza Rodríguez e aos seus seres queridos. Adelina é outra vítima inocente, que sofríu unha experiencia durísima, das que deixan pegada  para sempre. Unha muller que saiu da casa, por algo tan cotidián como facer unha compra nun hipermercado e que acabou vivindo un horror”, destacou Rodríguez López.