Isabel Rodríguez alerta dos riscos que supón para a mocidade polo mal uso das novas tecnoloxías

27/10/2021

A subdelegada destaca a importancia da formación que desenvolven equipos da Garda Civil e Policía Nacional para que os mozos sexan conscientes dos riscos do uso inseguro das novas tecnoloxías

Rodríguez destaca a gran acollida da programación do Plan Director nos centros escolares da provincia e felicita aos formadores da Garda Civil galardoados coas medallas da Asociación Concepción Arenal


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, alertou hoxe dos riscos que supón para a mocidade o mal uso das novas tecnoloxías. A subdelegada clausurou esta tarde, no salón de actos do Vello Cárcere, as XXXV Xornadas Penitenciarias Lucenses, organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, que trataron sobre o tema “Novas adiccións, novas formas delictivas”. Na sesión de hoxe celebrouse unha mesa redonda sobre o tema “Menores, novas tecnoloxías e formas delictivas”, que correu a cargo de Ramón Peña e Héctor Méndez, formadores da Garda Civil que desenvolven na provincia a programación  do Plan Director para a Convivencia e mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus contornos e o Plan Maior de Seguridade.

 

Isabel Rodríguez advertiu que “arredor das novas tecnoloxías están a producirse novos fenómenos delictivos, que medran de xeito exponencial e resultan moi complexos de atallar e dos que os mozos son vítimas propiciatorias”. Por iso, destacou que “na Subdelegación do Goberno somos especialmente sensibles a este problema e consideramos fundamental o traballo na prevención” e subliñou o “valioso labor pedagóxico” que están a levar a cabo a Garda Civil e a Policía Nacional nos centros escolares da provincia.

 

A subdelegada explicou que dentro do Plan Director realizanse actividades sobre distintas materias de interese para os escolares como o acoso e o bo uso das novas tecnoloxías, que é unha das actividades máis demandadas. “Trátase de fomentar que os mozos e mozas fagan un uso seguro das novas tecnoloxías, que aprendan a importaqncia de coidar a súa privacidade e evitar ser vítimas de prácticas delictivas”.

 

Explicou que estas actividades “teñen unha magnífica acollida nos centros escolares da provincia polo que, a pesar da pandemia, no pasado curso mantívose a programación do Plan Director, aínda que na maioría dos casos de xeito telemático, coa participación de máis de 3.000 alumnos nas distintas charlas celebradas. E para este curso, a demanda de charlas nos colexios da provincia está sendo, tamén, moi elevada”. De feito, en Galicia o ano pasado houbo 4.000 actividades en 1.100 centros educativos, que contaron coa participación de 133.000 membros da comunidade escolar, principalmente alumnado, pero tamén profesores e familias. Neste curso xa son máis de 300 os centros educativos galegos que solicitaron participar no Plan Director.

 

A subdelegada tamén felicitou a Ramón Peña e Héctor Méndez polas medallas Concepción Arenal que lles foron entregadas onte en recoñecemento polo seu traballo de formación para o uso seguro das novas tecnoloxías. Asimismo, puxo en valor o traballo do persoal de Institucións Penitenciarias da provincia e os voluntarios que colaboran con eles para a reinserción das persoas privadas de liberdade.