José Miñones informa da nova convocatoria de axudas para que as comunidades de veciños poidan adaptar as antenas televisivas ao proceso do Segundo Dividendo Dixital

08/10/2021

Explica que na primeira convocatoria o Goberno concedeu 10.759 axudas en Galicia por un valor de 2.146.899 euros

As axudas directas oscilan entre os 104 e os 677€ para cubrir o custo de adaptar os sistemas de recepción ás novas frecuencias televisivas

A solicitude é online a través dun formulario habilitado no seguinte enlace: Convocatoria axudas segundo dividendo dixital


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anima ás comunidades de veciños que se viron afectadas polo cambio de frecuencias televisivas do Segundo Dividendo Dixital a solicitar as axudas do Goberno para financiar o custe de adaptar o sistema de recepción do edificio. Esta convocatoria sucede á que o Ministerio de Asuntos Económico e Transición Dixital lanzou no ano 2019 e que chegou a 10.759 beneficiarios en Galicia, que percibiron 2.146.889 euros de axudas para adaptar os seus equipos comunitarios.

Ao igual que entón, a convocatoria actual está xestionada por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e conta cun orzamento de 10 millóns de euros. O obxectivo é compensar os custos derivados da recepción ou acceso aos servizos de comunicación audiovisual televisiva nas edificacións afectadas pola liberación da banda de frecuencias 694-790  MHZ, proceso coñecido como Segundo Dividendo Dixital.

A convocatoria de axudas permanece aberta ata o 31 de outubro. Está dirixida ás comunidades de propietarios e suxeitas ao réxime de propiedade horizontal que conten con sistemas de recepción afectados polo proceso de liberación do Segundo Dividendo Dixital. A contía da subvención oscila entre 104,3 euros e 677,95 euros, en función da infraestrutura previamente instalada no edificio na que se realizaron as adaptacións necesarias entre o 1 de xuño de 2019 e o 31 de decembro de 2020.

Para optar ás subvencións será necesario presentar a documentación xustificativa, incluíndo a factura e o boletín de instalación. Só se poderán solicitar axudas para as actuacións realizadas por empresas instaladoras do Rexistro de Instaladores de Telecomunicacións da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

As axudas pódense solicitar en liña ata o 31 de outubro de 2021 a través do formulario habilitado na Sede electrónica de Red.es, onde tamén se pode consultar toda a información: Convocatoria axudas segundo dividendo dixital

Segundo Dividendo Dixital

Denomínase Segundo Dividendo Dixital ao proceso de reordenación do espectro radioeléctrico e de liberación das canles radioeléctricas na banda de frecuencias de 700 megahercios MHz, de modo que estas frecuencias poidan ser destinadas para desplegar nelas as futuras redes de telecomunicacións 5G. Este proceso completouse a finais de 2020 en España.