José Miñones chama a desterrar o machismo da sociedade e anima as vítimas a utilizar as ferramentas de información e protección

17/09/2021

A vítima de onte na Coruña é a número 35 do ano, “pero non son números, son persoas, son familias que se rompen”

O delegado explica que o 016 suma en Galicia 2.044 chamadas no que vai de ano

O Executivo transferiu máis de 10 millóns de euros este ano á Xunta e aos concellos galegos para loitar contra o machismo


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, chamou hoxe a desterrar o machismo da sociedade e animou ás vítimas a utilizar as ferramentas de información e protección que establece o Executivo. Expresouse así tras un minuto de silencio en repulsa do crime machista acontecido onte na Coruña.

Acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, José Miñones explicou que o asesinato é “un erro máis que temos como sociedade”, destacou. Con Mónica xa son 35 mulleres asasinadas polo machismo este ano. Son 65 en Galicia desde 2003 e 1.113 no conxunto de España. “Non son números, son persoas, son familias que se rompen”, engadiu.

En Galicia hai, a día de hoxe, 4.002 casos activos de violencia machista. O delegado do Goberno está preocupado por cada un destes casos e polas máis de 6.000 denuncias que recibimos ao ano.

Por iso anima a todas as persoas que sexan vítimas ou que coñezan unha situación de risco, a que denuncien. No que vai de ano, en Galicia xa constan 2.044 chamadas ao 016.

Lembrou ás vítimas que o 016 é unha boa ferramenta de información, protección e denuncia. Non deixa rastro na factura. Tamén existe un correo e un WhatsApp para que recorran a calquera hora do día. Terán o apoio das institucións e asesoramento.