O Concello de Marín concede o Premio Lazo Violeta á Unidade de Violencia sobre a Muller de Pontevedra

O Concello de Marín concede o Premio Lazo Violeta á Unidade de Violencia sobre a Muller de Pontevedra

26/11/2020

O Concello de Marín recoñece con este galardón o traballo que esta Unidade  leva a cabo dende a Subdelegación do Goberno cando se produce un caso de violencia machista.

O Concello de Marín vén de outorgar o seu Premio Lazo Violeta á Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. O Consello Municipal da Muller de Marín decidiu adicar, na súa enésima edición, estes galardóns a todos os colectivos profesionais que interveñen nos casos de violencia contra a muller e que durante a pandemia viron intensificado o seu traballo.  

Maica Larriba quixo agradecer ao Concello de Marín este recoñecemento “a unha unidade que, efectivamente, traballa arreo na protección da muller e a prol da igualdade”. A subdelegada dirixiuse persoalmente á alcaldesa, María Ramallo, para que traslade ao Consello Municipal da Muller o seu agradecemento por este premio.

Larriba quixo subliñar “o importante rol, moitas veces invisibilizado, que, efectivamente, desempeña esta Unidade na atención, protección, apoio, seguimento e asesoramento a todas as vítimas de violencia de xénero da nosa provincia. Un traballo importantísimo que contribúe dun xeito decisivo a acadar un dos obxectivos deste Goberno: conseguir unha sociedade libre de violencias machistas”.

O premio recoñeceu, así mesmo, o traballo doutros colectivos que tamén participan nesta cadea que se pon en marcha cando hai un caso de maltrato: a UFAM da Policía Nacional, os profesionais médicos do centro de saúde e da PAC; a quenda especial de violencia de xénero do Colexio de Avogados, o persoal dos xulgados, os profesionais do CIM de Marín e os Servizos Sociais e o Centro de Recuperación Integral para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero da Secretaría Xeral de Igualdade.

Unha oficina provincial para loitar contra a violencia sobre a muller

As Unidades de Violencia sobre a Muller emprázanse nas Subdelegacións do Goberno e dependen funcionalmente do Ministerio de Igualdade, a través da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. A súa labor fundamental é facer un seguimento dos servizos e recursos que o goberno central pon a disposición das vítimas, como o servizo de información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero (016), o servizo telefónico de Atención e Protección ás vítimas de violencia de xénero (ATENPRO), ou o servizo de dispositivos de control telemático para o seguimento das medidas de afastamento nos casos de violencia de xénero.

Ademais, estas unidades desenvolven tarefas de seguimento e coordinación dos recursos e servizos da Administración Xeral do Estado para a atención das situacións de violencia de xénero na provincia, colaboran coas administracións autonómicas e locais, realizan un seguimento personalizado de cada situación de violencia de xénero, participan en campañas de información, sensibilización e prevención da violencia de xénero, levan un seguimento dos recursos e servizos existentes no territorio para atención á situación de trata de mulleres con fins de explotación sexual e fomentan a subscrición de convenios para a mellora da coordinación e a a colaboración no ámbito da protección ás vítimas de violencia de xénero.