O Goberno licita a redacción do proxecto para a reforma integral da oficina da Seguridade Social de Monforte

Imagen archivo INSS de Monforte

20/10/2020

 Isabel Rodríguez destaca que se cumpre así o compromiso asumido pola subdelegada e o director provincial da Seguridade Social co alcalde de Monforte

 O director do INSS anuncia que unha vez feita esta actuación quedará a punto a rede de atención ao público da Seguridade Social en toda a provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe que a Seguridade Social acometerá a reforma integral da súa oficina de atención ao público en Monforte de Lemos. A subdelegada explicou que o Instituto Nacional da Seguridade Social xa sacou a concurso a redacción do proxecto e dirección de obras para levar a cabo as obras no seu centro de atención e información en Monforte de Lemos.

 

Isabel Rodríguez comunicoulle esta mañá ao alcalde de Monforte, José Tomé, que o INSS xa licitou a redacción do proxecto, que foi publicada na Plataforma de Contratación do Sector Público o pasado venres. A redacción do proxecto e dirección de obras conta con un investimento previsto de 58.204,87 euros e o prazo para a presentación de ofertas estará aberto ata o día 2 de novembro.

 

Cúmprese así o compromiso adquirido nunha visita que realizaron a subdelegada e o alcalde, xunto co director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, a finais do ano pasado á oficina, que ten problemas de climatización e humidades derivados  do mal estado do seu illamento.

 

A execución deste proxecto suporá a consolidación dunha rede composta por sete centros comarcais que cobren todo o territorio provincial, permitindo unha atención próxima ao cidadán e co menor tempo de espera na concesión de cita previa de todo o país, segundo afirmou o director provincial, Juan José Rodríguez Gude

 

Con este novo investimento, que se suma á construción dun novo centro en Viveiro, cuxa finalización está prevista para marzo de 2021, e ao acondicionamento da oficina de Mondoñedo que se fará antes de finalizar este ano, o INSS poñerá a punto todos os seus centros de atención na provincia de Lugo.

 

PRIMEIRA REFORMA EN TRINTA ANOS

 

Con esta obra preténdese remodelar e acondicionar de forma integral un centro de atención ao público, situado na rúa San Pedro, número 4, en Monforte, que conta cunha superficie de 382 metros cadrados e que non fora reformado desde a súa apertura hai 30 anos, estando actualmente obsoleto.

 

Grazas a esta reforma ampliarase a zona de espera e autoxestión do público, renovaranse as instalacións eléctricas e de calefacción e dotarase dunha maior luminosidade e sensación de amplitude ao local. Unha vez aprobado o proxecto, o INSS licitará as obras, cuxo comezo se prevé a principios de 2021.

 

Actualmente prestan servizo neste centro un total de 7 funcionarios que atenden a 16.000 usuarios ao ano das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga, abarcando así unha poboación potencial de 50.000 persoas.