A subdelegada do Goberno preside a xunta de seguridade do Rally San Froilán

Imagen Junta Seguridad Rally S Froilán

13/10/2020

 Forzas de seguridade, organización e administracións ultiman o dispositivo da 42 edición desta proba automobilística
 Isabel Rodríguez lembra ao público a necesidade de respectar a sinalización e cumprir a normativa sanitaria e as indicacións do persoal encargado da seguridade


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a xunta de seguridade que ultimou o dispositivo encargado de velar pola seguridade na 42 edición do Rally San Froilán. Na xuntanza participaron responsables da Escudería Miño, organizadora da proba; así como da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Nacional, Xefatura provincial de Tráfico, Policía Local, Bombeiros e Protección Civil do Concello de Lugo, e a Xunta de Galicia.

 

Trala xuntanza, a subdelegada do Goberno fixo un chamamento á organización, aos corredores participantes e moi especialmente a todo o público que se congregará para presenciar o paso do Rally polas estradas da provincia para que sexan respectuosos coa normativa e os protocolos sanitarios, que atendan á sinalización e cumpran coas indicacións do persoal que se ocupará da seguridade da proba  e, no caso dos espectadores, que se manteñan sempre dentro dos espazos acotados para eles.

 

A 42 edición do Rally San Froilán desenvolverase entre os días 16 e 18 de outubro. Este ano a proba disputarase nos concellos de Lugo, Outeiro de Rei, Friol e o Corgo, con un percorrido de 344 km dos que 104 corresponden a treitos cronometrados por estradas asfaltadas que estarán pechadas ao tráfico.