Emilio González transmite a inxente labor das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para esclarecer as causas e autoría dos incendios forestais

Reunión con representantes do concello de Vilar de Barrio

15/09/2020

O subdelegado do Goberno mantivo un encontro co alcalde de Vilar de Barrio, cos portavoces dos grupos municipais e co presidente da Xunta de Montes de Rebordechao

A UME e os medios do MITECO continúan actuando nas tarefas de extinción dos incendios da provincia de Ourense


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, mantivo na mañá de hoxe unha xuntanza co alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde Gómez, cos portavoces dos distintos grupos municipais e co presidente da Xunta de Montes de Rebordechao na que lles transmitiu a colaboración e o compromiso do Goberno de España na loita contra a lacra dos incendios forestais, así como a inxente labor que están a realizar as forzas e corpos de seguridade do Estado na provincia para esclarecer as causas e determinar a autoría dos incendios forestais que “están a destruír a nosa riqueza medioambiental, con graves riscos en ocasións para as persoas e as vivendas”.

Os asistentes á reunión transmitíronlle ao subdelegado do Goberno a preocupación pola situación do incendio iniciado o pasado sábado 12 de setembro que afecta ao seu termo municipal, así como polos graves prexuízos medioambientais e económicos ocasionados na zona de Rebordechao. Emilio González comunicoulles a próxima convocatoria das forzas e corpos de seguridade da provincia “para facer unha análise e valoración da situación provocada polos incendios forestais”.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno compromeuteuse a dar traslado ao Goberno central do proxecto que está a redactar o concello de Vilar de Barrio para por en valor a riqueza medioambiental da que goza este municipio e loitar contra o despoboamento.

Emilio González solicitou novamente a máxima “colaboración cidadá” fronte ao lume, reiterando a necesidade de avisar aos corpos e forzas de seguridade sobre calquera imprudencia ou conduta incendiaria para facilitar as investigacións e a detención dos posibles autores.

A UME E OS MEDIOS DO MITECO CONTINÚAN ACTUANDO NAS TAREFAS DE EXTINCIÓN

Na xornada de hoxe a Unidade Militar de Emerxencias (UME) continúa colaborando na extinción dos incendios na provincia de Ourense. Os 234 efectivos e os 82 vehículos mobilizados están levando a cabo traballos de perimetración e vixilancia no incendio de Riocaldo (Lobios); labores de perimetración e vixilancia de reproduccións no de Sabuguido (Vilariño de Conso); e traballos de perimetración, control e vixilancia no incendio de Cualedro.

Á mobilización da Unidade Militar de Emerxencias hai que sumar os medios despregados ao longo da mañá polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) para apoiar nas tarefas de extinción dos incendios forestais. A mellora das condicións meteorolóxicas permitiu que dende primeira hora se puideran incorporan os avións anfibios que onte non puideron intervir pola mala visibilidade.

En total están intervindo hoxe 23 medios aéreos e os efectivos de catro Brigadas de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF) para apoiar nas tarefas de extinción dos cinco incendios declarados nas localidades de Lobios, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo e Vilariño de Conso.