Fomento informa aos alcaldes de Barro e Pontevedra da situación da A-57

Imagen de la reunion

18/09/2018


A Subdelegada Maica Larriba impulsou unha xuntanza técnica para abordar o proxecto inicial do enlace de Curro no concello de Barro


A Subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, subliñou hoxe que a xuntanza entre os alcalde de Pontevedra e Barro e os técnicos do Ministerio de Fomento serviu para coñecer as posturas das distintas administracións sobre o proxecto inicial do enlace de Curro e transmitir a situación dos distintos tramos da A-57 o circunvalación de Pontevedra.

Neste encontro, de carácter técnico, estiveron presentes Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro; Miguel Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; César Mosquera, concelleiro de Pontevedra; Rosalía Bravo, subdirectora de Proxectos do Ministerio de Fomento; Angel González del Río, xefe da Demarcación de Estradas de Galicia; Pablo Domínguez, xefe de estradas de Pontevedra; Mabel Alonso, secretaria xeral da Subdelegación e a Subdelegada do Goberno, Maica Larriba e outros enxeñeiros. Na xuntanza os técnicos de Fomento transmitiron a situación do último tramo da A-57 que enlaza esta autoestrada co macro nó de Curro, onde se comunica coa AP-9 e coa autovía do Salnés..

É nesta última parte deste estudio informativo, que xa conta coa preceptiva declaración de impacto ambiental, onde xorden maiores diferenzas co concello de Barro. Este estudo informativo define a concepción global de trazado, e será na próxima fase de redacción do proxecto de trazado e construción onde se concretará esta actuación co grao de detalle necesario, e poderanse analizar todas as circunstancias que se poñan de manifesto durante a devandita fase de tramitación.

Por outra parte, tamén se informou da próxima exposición pública do outro tramo da A-57 entre o tramo Pilarteiros-A Ermida e da marcha da obras entre o tramo de Vilaboa a Hermida.

Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, agradeceu á Subdelegada a receptividade para establecer este diálogo aínda que resaltou as súas diferenzas co último quilómetro do trazado do nó de Curro. Tamén Miguel Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, agradeceu este encontro e pediu unha rápida tramitación xa que recordou que se leva dende o ano 1999 falando deste proxecto.

Por último, Maica Larriba subliñou que o diálogo vai ser sempre a iniciativa da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e por “iso organizamos esta xuntanza para que os técnicos ofrezan toda a información da A-57 aos alcaldes máis afectados polo seu trazado”.