A Delegación do Goberno recoñecerá o vindeiro 22 de novembro coas Meninas de Galicia a persoas e entidades galegas pola súa loita contra a violencia de xénero

06/11/2021

O delegado do Goberno, José Miñones, presidirá o acto de entrega nunha cerimonia que se celebrará no Hostal dos Reis Católicos de Santiago

O acto contará coa actuación de Guadi Galego, quen recollerá un dos recoñecementos polo seu compromiso pola igualdade

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), a artista Guadi Galego, o Foro Feminista de Lugo, Xeracción Sociedade Cooperativa Galega e a referente feminista Paloma Rodríguez, a título póstumo, son as galardonadas deste ano


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presidirá o vindeiro 22 de novembro a cerimonia de entrega dos Recoñecementos Meninas que concede a Delegación do Goberno a persoas e institucións que destacan pola súa loita fronte a violencia de xénero.

O acto desenvolverase a partir das 11 horas no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, e contará coa actuación da cantante galega Guadi  Galego. Con esta cerimonia, a Delegación do Goberno celebra o acto central do programa de actividades con motivo da conmemoración do 25 N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O acto rematará coa actuación de Guadi Galego, artista que tamén recollerá un dos recoñecementos desta edición.

Dende o mes de outubro e ata o 3 de decembro, a Delegación do Goberno en Galicia e as catro subdelegacións provinciais organizan unha trintena de actividades formativas, foros de reflexión e accións de visibilización co obxectivo de fomentar a conciencia social contra a violencia machista e de apoio ás vítimas da mesma.

En Galicia os Recoñecementos Meninas concédense por cuarta vez. Nesta edición, outórganse cinco recoñecementos e catro mencións honoríficas. O xurado, presidido polo delegado do Goberno, José Miñones, e do que formaron parte as subdelegadas e o subdelegado provinciais: María Rivas, Isabel Rodríguez, Emilio González e Maica Larriba, contou coas propostas da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación e as súas unidades provinciais de coordinación.

Os galardóns están representados simbolicamente por unha figura que reproduce a imaxe dunha menina de Velázquez e foron elaborados nos talleres ocupacionais de distintos centros penitenciarios.

Meninas 2021

A Delegación do Goberno en Galicia recoñece o férreo compromiso fronte á violencia machista nas catro provincias galegas. Neste sentido, sobresae polo seu intenso traballo que implica a outras 64 entidades galegas a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) en Galicia.

Outro dos galardóns recae na artista Guadi Galego, unha “muller comprometida coa igualdade”, segundo relata o xurado, e que utiliza o arte como “transformación social” e “vehículo no seu compromiso contra a violencia machista”.

O xurado recoñece tamén ao Foro Feminista de Lugo, destacando o seu labor divulgativo do feminismo e as actividades que realiza, con faladoiros que afondan no concepto de igualdade.

Así mesmo, outórgase un recoñecemento a Xeracción Sociedade Cooperativa Galega. Esta entidade presta os seus servizos baixo os principios de xustiza social, igualdade, responsabilidade colectiva, posta en valor da diversidade e axuda mutua con tres alicerces: participación cidadá, feminismo e mediación.

Pola súa banda, a referente feminista Paloma Rodríguez recibe o galardón a título póstumo. O xurado destaca a súa “traxectoria de anos traballando polas mulleres”, así como “o seu compromiso continuado co feminismo e polas actividades desenvolvidas na cidade de Ferrol no ámbito da muller”.

Mencións honoríficas

O xurado outorgou as mencións honoríficas ao fiscal delegado de violencia contra as mulleres de A Coruña, José Fernando Martínez, quen leva doce anos á fronte desta loita na Fiscalía da Coruña e sobresae pola súa implicación; ao policía Pablo Rodríguez, da Unidade de Atención á Familia e á Muller (UFAM) da Policía Nacional de Viveiro; ao Equipo de Muller e Menor (EMUME) da Garda Civil de Ourense; e á Oficina de Igualdade da Universidade de Vigo, unidade pioneira creada en 2006 que vén realizando importantes iniciativas como o protocolo de prevención do acoso no ano 2012 ou a Cátedra Feminismos que busca o fomento do acceso das nenas e adolescentes a carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñerías e Matemáticas).