Maica Larriba destaca o labor realizado por Fundamar a prol da promoción e visibilización das mulleres no eido da pesca e do mar

04/11/2021

A subdelegada visitou a sede da Fundación para a Pesca e o Marisqueo con motivo do recente galardón outorgado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a un dos seus proxectos, Redmar III

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, desprazouse esta mañá a sede da Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar) para felicitar aos seus responsables polo recente galardón obtido na XII edición dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.  

En concreto, a Fundación vén de recibir o terceiro premio na categoría Excelencia á Comunicación polo proxecto Redmar III, unha plataforma creada para fomentar a empregabilidade de mulleres tituladas en formación marítimo-pesqueira e promover boas prácticas en materia de seguridade, medio ambiente e igualdade de xénero.

Durante a súa visita a subdelegada estivo acompañada polo presidente de Fundamar, Javier Touza, a súa xerente, María Caldeiro, e representantes dos sindicatos UGT e CCCO.

Durante o encontro, a subdelegada repasou xunto aos responsables da Fundación as súas principais liñas de traballo e obxectivos, e en concreto, o traballo que están a levar a cabo no marco do proxecto Redmar. Este proxecto está promovido por Fundamar, coa colaboración da Fundación Mulleres, a  OPPC-3 (Organización de Produtores de Buques Conxeladores de  Merlúcidos, Cefalópodos e Especies Varias) e a Fundación Biodiversidade do  Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico ao abeiro do Programa Pleamar do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

A iniciativa, que se puxo en marcha en 2013, foi pioneira en varios aspectos, entre eles, o de xerar unha rede de intercambio de experiencias dentro do sector pesqueiro co obxectivo de promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

O proxecto premiado, Redmar III, procurou consolidar a rede establecida, fomentar o intercambio de boas prácticas e aumentar a empregabilidade das mulleres do sector.

Larriba quixo destacar a importancia do sector da pesca na provincia, que aglutina o 66 % dos traballadores e traballadoras galegos dados de alta no Réxime Especial do Mar, e en especial o papel das mulleres, que representan o 26 % dos profesionais do mar en Pontevedra”.

Así mesmo, a subdelegada quixo destacar “o compromiso do Goberno coa transversalidade nas políticas de igualdade e coa visibilización e fomento da presenza das mulleres en todos os sectores. Dous aspectos aos que o premio outorgado pretende contribuír”.

Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais

O MAPA convoca anualmente estes premios desde 2010 co obxectivo de dar visibilidade ao labor das mulleres rurais na diversificación da actividade económica e as actuacións emprendedoras no territorio. Desta forma, o ministerio mostra o seu compromiso coas políticas que impulsan a igualdade de xénero plena, favorecen o acceso ás mozas á actividade agraria e fomentan a diversificación económica no medio rural, o que contribúe a frear o despoboamento das contornas rurais.

Na súa  decimosegunda edición, estes premios distinguiron os traballos de 12 iniciativas para a posta en valor das mulleres no medio rural.

Nesta edición de 2021 concedéronse tres premios por cada unha das catro categorías convocadas: “Excelencia á innovación na actividade agraria”, "Excelencia á innovación na actividade pesqueira e acuícola”, “Excelencia á innovación na diversificación da actividade económica do medio rural ou zonas costeiras rurais” e “Excelencia á comunicación”. Ademais, outorgouse un recoñecemento honorífico a Pilar Carboeiro Zalduegui, a primeira muller membro da Real Academia de Enxeñería.