José Miñones presenta en Parada de Sil o compromiso do Goberno para a dinamización da Ribeira Sacra a través do emprego verde e os proxectos de desenvolvemento sostible

19/10/2021

O Ministerio para a Transición Ecolóxica destina este ano 6,4 millóns de euros do Plan de Recuperación para impulsar iniciativas de desenvolvemento sostible nas Reservas da Biosfera de Galicia

O Ministerio de Industria financia o bus lanzadeira que durante este verán comunicou a localidade de Parada de Sil co Mosteiro de Santa Cristina dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en destino

Apoia o dinamismo do Concello para aproveitar as liñas de axudas estatais en relación ao reto demográfico e á mellora dos servizos públicos

Parada de Sil opta á participación de programas estatais como o Campus Rural ou o Plan de Loita contra o Reto Demográfico

O Goberno destina a este Concello máis de 500.000 euros en actuacións de eficiencia enerxética e mellora ambiental


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou hoxe en Parada de Sil as iniciativas do Goberno para a dinamización da Ribeira Sacra con proxectos de desenvolvemento sostible e de emprego verde a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. José Miñones apuntou que este ano o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico destina 6,4 millóns de euros para financiar proxectos de desenvolvemento sostible nas Reservas da Biosfera, e que Parada de Sil poderá beneficiarse deles unha vez que a Ribeira Sacra accedeu en setembro a esta figura de protección internacional promovida pola UNESCO. Este compromiso traducirase en iniciativas enfocadas cara o emprego verde e asentadas no territorio, co que se obterá tamén un efecto positivo sobre a poboación asentada nestes espazos. 
 
José Miñones trasladouse ata o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, onde exemplificou este apoio no bus lanzadeira que durante o verán comunicou a localidade de Parada de Sil con este mosteiro románico. Unha actuación que forma parte do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino da Ribeira Sacra, financiado con 850.000 euros polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, que é “unha clara aposta de Parada de Sil polo transporte colectivo fronte aos vehículos particulares co obxectivo de fomentar un turismo sostible”.
 
Dinamización local
 
O delegado do Goberno, acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, mantivo unha xuntanza co alcalde en funcións de Parada de Sil, Francisco Magide, a quen lle trasladou o seu apoio cara as iniciativas que lidera o Goberno Local para a dinamización económica e poboacional deste Concello: “Parada de Sil é un exemplo do que procura o Goberno, que os municipios sexan capaces de captar axudas e acollerse a plans que axuden a mellorar estes concellos para que vivir neles sexa un privilexio e non unha condena”.
 
José Miñones detallou como o Goberno local de Parada de Sil participou activamente na manifestación de interese do Plan de Loita contra o Reto Demográfico e tamén presentou a súa candidatura para o programa Campus Rural, que se adxudicará nas vindeiras semanas. Xunto a estas iniciativas, o Concello recibiu 501.000 euros do Goberno en diversas accións de eficiencia enerxética e mellora ambiental: 321.000 euros en axudas para a renovación do alumeado público e para a instalación de placas fotovoltaicas para o autoabastecemento do edificio do Concello; e 180.000 euros para actuacións hidrolóxicas e de saneamento a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.