A Seguridade Social estrea mañá a súa nova sede de Viveiro

14/10/2021

A subdelegada do Goberno felicítase por esta boa nova para Viveiro e para os veciños da Mariña Occidental que recibirán servizo no novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social

O Goberno investiu 844.000 euros para desbloquear un proxecto que levaba 30 anos paralizado

O CAISS de Viveiro atende a unha poboación potencial de máis de 39.000 usuarios residentes en 9 concellos


A Seguridade Social vai estrear mañá a súa nova sede de Viveiro, na que o Executivo investiu máis de 844.000 euros. Anunciouno hoxe a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, que se felicitou por esta boa nova para o concello de Viveiro e para o conxunto dos veciños da Mariña Occidental.

 

O novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social, situado na avenida Ramón Canosa, número 8, comezará a funcionar este venres, unha vez acondicionadas as dependencias que dan servizo a unha poboación potencial de máis de 39.000 veciños dos concellos de Viveiro, O Vicedo. Xove, Cervo, Burela, O Valadouro, Ourol, Muras e Mañón.

 

Isabel Rodríguez lembrou que a apertura do novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social de Viveiro supón a culminación dun proxecto longamente agardado, que permanecía atascado ata que o Goberno de Pedro Sánchez lle deu o pulo definitivo.

 

Tal como anunciou o delegado do Goberno, José Miñones, nunha recente visita a Viveiro, a entrada en servizo das novas instalacións prodúcese logo do acondicionamento do edificio que foi recepcionado pola Seguridade Social a principios do verán.

 

Segundo informou o director provincial da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, o traslado do servizo ao novo edificio foi comunicado á cidadanía mediante carteis informativos instalados tanto no novo centro como no antigo e tamén se deu conta do cambio de ubicación a todas as persoas que tiñan concertada cita para estas datas.