José Miñones explica que o Goberno inviste 158 millóns de euros en 433 proxectos en Galicia sobre mobilidade sostible e eficiencia enerxética

06/10/2021

A nova vía en torno ao encoro de Cecebre conta cun investimento total de 2,2 millóns de euros, dos que 1,7 proceden do Executivo

José Miñones destaca, xunto ao presidente da Deputación da Coruña, a importancia da colaboración e cooperación entre administracións

A sustentabilidade ambiental é prioritaria para o Goberno, neste caso a través da Estratexia Estatal pola Bicicleta

A senda ciclista de Cecebre exemplifica a aposta do Executivo pola cohesión territorial en Galicia e pola mobilidade sostible


.O delegado do Goberno, José Miñones, explicou hoxe que o Executivo inviste 158 millóns de euros en 433 proxectos en Galicia vinculados á mobilidade sostible, as enerxías renovables e a eficiencia enerxética. Expresouse así durante o inicio dos traballos da senda ciclista de Cecebre, acompañado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e os rexedores de Abegondo, Betanzos, Bergondo, Cambre e Carral.

José Miñones explicou que o Goberno, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, promove a ampliación do actual carril bici metropolitano que remata no encoro de Cecebre. Grazas á liña de achegas do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), a senda ciclista ubicada nesta zona de especial protección unirá os concellos de Abegondo, Betanzos, Bergondo, Cambre e Carral.

Serán 29,8 quilómetros de nova senda en tres tramos. Contan cun investimento total de 2,2 millóns de euros, dos que 1,7 proceden do Goberno. A actuación enmárcase dentro dos tres grandes proxectos da Deputación que lograron financiamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica, ata superar os 7 millóns de euros. Os outros dous son a Vía Verde entre Santiago de Compostela e Cerceda e o acceso aos faros da provincia.

As axudas foron concedidas a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía.  A nivel galego, supuxeron máis de 158 millóns de euros en 433 proxectos en Galicia promovidos por entidades locais e vinculados coa eficiencia enerxética, o uso de enerxías renovables e o transporte sostible. Trátase dunha aposta decidida por “facer país” e “construír Galicia cos concellos”, rematou o delegado.

Colaboración entre administracións

Durante a supervisión do inicio dos traballos, José Miñones lembrou que “o apoio do Goberno aos concellos galegos é hoxe máis evidente que nunca”, explicou. De feito, esta iniciativa mostra que “a colaboración e a cooperación son os mellores camiños para mellorar a vida das nosas veciñas e dos nosos veciños”, pois están implicadas 7 administracións.

Dá continuidade, así, á aposta do Executivo por dinamizar o rural galego a través da cohesión territorial. Pero no proxecto tamén entra outra das liñas de acción prioritarias do Goberno: a sustentabilidade ambiental. “A Estratexia Estatal pola Bicicleta xunta neste proxecto a mobilidade sostible coa nosa vontade por apostar polos concellos galegos e dinamizar o noso rural”, engadiu.

Ademais do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, no acto estiveron os alcaldes e alcaldesas de Bergondo, Alejandra Pérez; Carral, Javier Gestal; Betanzos, María Barral; Cambre, Óscar García; e Abegondo, José Antonio Santiso.