Maica Larriba subliña que a provincia viviu un verán moi tranquilo e seguro

08/09/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a reunión da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron os principais datos sobre delincuencia e infraccións penais rexistrados na provincia durante os meses de xuño, xullo e agosto

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os meses de verán. Acudiron ao encontro os máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o capitán xefe do subsector de tráfico da Garda Civil en Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, e o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz.

Os responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado compartiron coa subdelegada do Goberno os datos das infraccións penais rexistrados na provincia do 1 de xuño ao 31 de agosto. Uns datos que evidencian, a nivel provincial, e se os comparamos co mesmo período do ano anterior, un descenso do 1 % nas infraccións penais.  Neste sentido, a subdelegada destacou que “en liñas xerais, o verán foi moi tranquilo no que respecta á delincuencia, aínda que se rexistraron episodios dalgúns roubos en domicilios en Pontevedra e Vigo que sempre xeran moita intranquilidade entre a cidadanía”. 

Con todo o que preocupa aos responsables provinciais é o gran aumento de denuncias por estafas leves en Internet. Na provincia este tipo de delitos creceu por encima do 20 % e xa representan na demarcación da Garda Civil o 30 % das denuncias presentadas no acumulado anual.

Así mesmo, a subdelegada indicou que os delitos contra o patrimonio, é dicir os roubos e furtos en domicilios e establecementos, rexistran unha tendencia á baixa no verán con descensos superiores ao 10 %. Neste sentido, cabe sinalar que os roubos con violencia descenderon na provincia un 29 %, os roubos en establecementos un 25 %, as subtraccións en vehículos un 42 % e a subtracción de coches un 29 %.

A subdelegada analizou tamén xunto aos mandos policiais o efecto das restricións na hostalería e no ocio nocturno decretadas por mor da Covid-19, que xeraron un efecto de concentración de persoas nos horarios de peche. Neste sentido, Larriba sinalou que “se afrontaron dentro das posibilidades das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e sempre dentro do efecto da proporcionalidade para evitar enfrontamentos e danos maiores”.

Por último, a subdelegada anunciou que a oficina móbil do peregrino —que a Garda Civil puxo en marcha durante os meses de xullo e agosto no trazado do Camiño de Santiago que atravesa a provincia—, vai estender a súa operatividade durante todo o mes de setembro dado a súa gran acollida. A maior actividade realizada por estes axentes foi a de asesoramento e información, recollendo apenas algunha pequena denuncia de perda de documentación.

Marín, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra

Atendendo aos datos por localidades proporcionados pola Policía, en Marín constátase un descenso dos furtos leves do 32 %. En Vilagarcía de Arousa descenden todos os delitos, destacando as baixadas rexistradas nos roubos con violencia (-16 %), os roubos con forza (-17 %),  e nos delitos contra o patrimonio (-5 %).

En Vigo todos indicadores se sitúan tamén en negativo, sendo a subtracción en vehículos o delito que rexistra un maior descenso, do 46 %, seguido dos roubos en establecementos (-37 %) e os roubos con violencia (-35 %). En total, as infraccións penais descenden na cidade olívica un 5 %.

Por último,na cidade de Pontevedra, aínda que o índice de infraccións penais aumenta nun 1,6 %, debido, en gran parte, ás estafas por Internet, a subtracción en vehículos descende un 50 %, os roubos con violencia un 16 %, os roubos en establecementos un 14 % e os furtos un 19 %.