Isabel Rodríguez entrega outras 20.000 máscaras a entidades sociais da provincia de Lugo

Entrega mascarillas Cruz Roja

30/11/2020

 Cruz Vermella, Cermi e Cáritas reciben novos lotes de máscaras para a atencion ás persoas máis vulnerables a ás asociacións coas que colaboran

 A subdelegada destaca o labor fundamental que realizan as entidades sociais na protección das persoas máis desfavorecidas, especialmente durante esta crise sanitaria

 Con esta quinta campaña de reparto, o Goberno xa leva distribuídas 358.500 máscaras na provincia a entidades sociais, concellos, traballadores, entidades empresariais e usuarios do transporte público


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, fixo entrega hoxe de 20.000 máscaras destinadas a entidades sociais da provincia, no quinto dispositivo de distribución deste material sanitario que leva a cabo o Goberno de España. Coa entrega deste novo lote á Cruz Vermella, Cermi e Cáritas, para que as fagan chegar aos seus usuarios e ás asociacións coas que colaboran, remata a distribución de 70.000 máscaras que comezou a semana pasada na provincia.

Estas tres entidades colaboran estreitamente co Goberno na loita contra a pandemia e coas entregas que se lles fixeron previamente, nos meses de maio, xuño e setembro, xa levan recibido un total de 78.500 máscaras na provincia para que as utilicen os seus traballadores e as asociacións coas que colaboran. No caso do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), recolleu o material un representante de FADEMGA.

A subdelegada agradeceu o gran traballo que realizan as entidades sociais na provincia, que está a resultar esencial na protección das persoas máis vulnerables e desprotexidas durante a crise provocada pola pandemia do COVID-19.

Isabel Rodríguez explicou que o Goberno trata de facilitarlles medios para que continúen con ese labor de atención aos máis desfavorecidos e insistiu na importancia de que todos fagamos un uso axeitado das máscaras que “son un elemento fundamental coidar da nosa saúde e do resto das persoas”.

A subdelegada lembrou que “antes desta campaña de distribución, fixéramos outros catro desde o comezo da pandemia”. Engadiu que “coas que entregamos hoxe rematamos o novo operativo e xa son 358.500 as unidades sanitarias que levamos distribuídas na provincia a concellos, entidades sociais e outros colectivos como traballadores, taxistas, usuarios do transporte público, pequenos empresarios, autónomos ou persoal das residencias de maiores”.

LABOR SOCIAL DE CRUZ VERMELLA, CÁRITAS E FADEMGA

Na provincia de Lugo, a Cruz Vermella, que conta con 112 traballadores e 500 voluntarios, ten en marcha programas de axuda e acompañamento a persoas maiores, a persoas sen teito, a afectados por dano cerebral e a drogodependentes, entre outros colectivos.

O labor de Cáritas, con 29 traballadores e máis de 500 voluntarios, céntrase especialmente na xestión de comedores sociais e atención a persoas sen recursos da provincia.

Pola súa parte, FADEMGA, a Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento, aglutina a asociacións de familiares e profesionais de persoas con discapacidade intelectual como Raiolas, Asdeme, Prodeme, Afadi, Camiña, Aspanane e Aspnais.

15 MILLÓNS PARA TODA ESPAÑA

A semana pasada a subdelegada do Goberno entregou outras 50.000 máscaras aos concellos da provincia dentro desta quinta campaña de reparto deste material sanitario na provincia. En total, o Goberno distribúe neste operativo 15 millóns de unidades en toda España, das que corresponden a Galicia 590.000.