A Subdelegación do Goberno en Ourense distribúe 82.000 mascarillas dirixidas a concellos e a entidades sociais

A Subdelegación do Goberno en Ourense distribúe 82.000 mascarillas dirixidas a concellos e a entidades sociais

27/11/2020

Trátase dunha medida para atender aos colectivos de poboación vulnerable e ao persoal dos servizos esenciais das entidades locais

Dende o inicio da pandemia o Goberno central repartiu na provincia de Ourense 366.500 mascarillas

Emilio González destacou a participación activa das entidades socias e dos concellos na promoción e na protección da saúde pública durante toda a pandemia


A Subdelegación do Goberno en Ourense distribuíu no día de hoxe 82.000 mascarillas destinadas aos concellos e ás entidades sociais da provincia, na que supón a quinta entrega deste material promovida polo Goberno de España. O obxectivo desta nova distribución de mascarillas é a atención a colectivos de poboación vulnerable e ao persoal de servizos esencias das entidades locais.

Durante a mañá o subdelegado do Goberno, Emilio González, mantivo un encontro coa directora de Cáritas Ourense, María Tabarés; co presidente de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro; e coa traballadora social de COGAMI, Montse Vázquez; aos que lles fixo entrega dun total de 34.000 mascarillas para o seu posterior reparto entre os seus usuarios e as entidades que forman parte do CERMI (Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Ourense).

Así mesmo, Emilio González supervisou o dispositivo e fixo entrega ao concelleiro Telmo Ucha das 16.000 unidades correspondentes ao Concello de Ourense, posto que a entrega aos concellos de máis de 20.000 habitantes se realiza directamente a través das correspondentes subdelegacións do Goberno.

Igualmente, se realizou a entrega á Deputación Provincial de Ourense de 32.000 mascarillas enviadas polo Goberno central para distribuír entre os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Este reparto será realizado polo ente provincial.

Emilio González destacou “a participación activa dos concellos e das entidades sociais na promoción e protección da saúde pública durante a pandemia, con especial atención ás persoas máis vulnerables”.

Segundo resaltou o subdelegado do Goberno, “con estes operativos evidénciase o compromiso e o esforzo do Goberno de España por colaborar con toda a cidadanía durante a pandemia xerada pola COVID-19”, especialmente cos colectivos máis desfavorecidos e que máis poden sufrir as consecuencias da actual crise sanitaria.

REPARTO DE MASCARILLAS EN OURENSE

O subdelegado do Goberno lembrou que dende o inicio da pandemia o Goberno de España distribuíu 366.500 mascarillas na provincia de Ourense. Así, no mes de abril repartíronse 68.000 unidades durante o retorno á actividade laboral trala Semana Santa a usuarios do transporte, a entidades sociais e a entidades empresariais; e a comezos do mes de maio chegaron á provincia de Ourense 98.000 mascarillas entregadas a usuarios do transporte, colectivos sociais e concellos.

No mes de xuño entregáronse 22.500 unidades a través de Cáritas, Cruz Vermella e o CERMI co obxectivo de facilitar material de protección ás persoas máis vulnerables.

No cuarto operativo, en setembro, distribuíronse 96.000 mascarillas con motivo do inicio do curso escolar.

No conxunto de España, neste último envío o Goberno central vai distribuír un total de 15 millóns de mascarillas a través dos municipios e das entidades sociais, das que a Galicia lle corresponden 590.000 unidades.