Maica Larriba pide combater o machismo e condenar socialmente todas as actitudes, prácticas e condutas que consenten a violencia contra a muller

Maica Larriba pide combater o machismo e condenar socialmente todas as actitudes, prácticas e condutas que consenten a violencia contra a muller

25/11/2020

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu hoxe a concentración que tivo lugar ante as portas da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, na que gardouse un minuto de silencio e procedeuse a lectura dunha declaración institucional co gaio do 25N.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe o acto de lectura do manifesto institucional e minuto de silencio polas vítimas da violencia contra as mulleres que tivo lugar ás portas da Subdelegación do Goberno de Pontevedra. O acto enmarcouse nas actividades convocadas polo Goberno con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación de todas as formas de Violencia contra as Mulleres. Acompañaron á Subdelegada, o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía de Pontevedra, Estíbaliz Palma, o tenente alcalde do Concello de Pontevedra, Agustín Fernández, así como outros edís municipais e o persoal da Subdelegación do Goberno. 

Tras o minuto de silencio, Maica Larriba procedeu a lectura da declaración institucional con motivo do 25N aprobada onte polo Consello de Ministros. Durante a súa intervención,  lembrou que este ano, “esta conmemoración coincide cunha crise sanitaria global que acentúa a prevalencia da violencia contra as mulleres”.

Por esta razón, informou Larriba, o Goberno de España, consciente da necesidade de garantir a protección dos dereitos humanos das mulleres neste contexto, así como dos seus fillos e fillas, decidiu, tras a declaración do estado de alarma, pór en marcha un ″Plan de continxencia contra a violencia de xénero ante a crise derivada do Covid-19″ co obxectivo de garantir o adecuado funcionamento dos servizos de información, asistencia e protección ás vítimas.

“Neste proceso excepcional, a coordinación entre o Goberno de España e os gobernos autonómicos, así como coas entidades locais, foi un exemplo de co-gobernanza, que dotou de axilidade e eficacia a resposta institucional”, subliñou Larriba.

Non obstante, a subdelegada quixo recordar que “máis aló da situación de crise sanitaria e social que vivimos, e a pesar dos avances institucionais e sociais das últimas décadas, a violencia machista persiste”. No noso país, durante o ano 2020, a violencia de xénero no ámbito da parella ou exparella cobrouse a vida de 41 mulleres e de tres nenos e nenas e deixou a 23 nenas e nenos orfos polo asasinato das súas nais. Unhas cifras que, asegurou, “poñen de manifesto unha realidade innegable e que nos interpela a todos: gobernos, institucións e sociedade en xeral, obrigándonos a unha acción decidida en prol da erradicación da violencia contra as mulleres e das actitudes sociais que a toleran, a xustifican ou mesmo a banalizan”. Por iso, continuou, “é preciso intensificar os esforzos para combater o machismo e condenar socialmente todas as actitudes, prácticas e condutas que consenten e reproducen estas violencias”. O recoñecemento da loita contra a violencia machista como política central “nos converte nun país máis xusto, libre e igualitario”, recalcou.

Así mesmo, Larriba destacou que na actualidade o Goberno de España promove novos instrumentos normativos para loitar contra esta eiva, como a Lei Orgánica de garantía integral da liberdade sexual, a Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia ou a futura Lei contra a trata de mulleres, así como a Estratexia Nacional contra a Violencia Machista. Por último, a subdelegada quixo enviar unha mensaxe de recoñecemento e homenaxe a todas as mulleres, nenas e nenos vítimas da violencia machista que xa non están entre nós.