Isabel Rodríguez eloxia o traballo de investigación do Campus de Lugo, no que se desenvolven sete proxectos financiados con 530.000 euros polo Ministerio de Ciencia

Imagen visita laboratorio USC

18/11/2020

 A subdelegada, acompañada pola vicerreitora de Coordinación do Campus, visitou o Laboratorio de Referencia de “E.coli” na Facultade de Veterinaria e reuniuse con investigadores da USC que traballan en proxectos con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación

 Rodríguez apoia aos investigadores do Campus universitario e defende a importancia trascendental da ciencia, que é unha das claves do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia posto en marcha polo Goberno para modernizar España

 A USC desenvolve 67 proxectos de investigación financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación dentro da convocatoria de axudas I+D+I e a subdelegada destacou que o Goberno aprobou onte axudas por 148 millóns para a contratación de investigadores

 En Lugo, o Ministerio de Ciencia e Innovación achega fondos a cinco proxectos desde a Axencia Estatal de Investigación e outros dous teñen financiamento do Instituto de Saúde Carlos III e da FECYT


A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou hoxe que o Ministerio de Ciencia e Innovación financia con 530.000 euros sete proxectos nos que traballan investigadores do Campus de Lugo. Cinco das axudas, por importe de 412.610 euros, proceden da convocatoria da Axencia Estatal de Investigación, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación e que destina un total de 17,4 millóns a financiar 146 proxectos das tres universidades galegas e do CSIC. As outras dúas achegas son do Instituto de Saúde Carlos III e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), que tamén dependen do Ministerio de Ciencia e Innovación.

 

A subdelegada expresou o seu apoio aos investigadores do Campus universitario durante unha visita que efectuou, acompañada pola vicerreitora de Coordinación do Campus, Montserrat Valcárcel, ao Laboratorio de Referencia de “E.coli” da USC, na Facultade de Veterinaria, onde se desenvolve un dos proxectos seleccionados. As investigacións que contan con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación no Campus Terra están en marcha na Facultade de Veterinaria, a Escola Politécnica Superior e a Facultade de Humanidades.

 

Con estas axudas realízanse estudos en temas de seguridade alimentaria, sobre a produción de viño, a produción de madeira de carballo, a prevención do cambio climático a través da planificación do territorio, a loita contra o lume, avances no tratamento e prevención de enfermidades coronarias e a biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

 

Isabel Rodríguez eloxiou o traballo de investigación que se leva a cabo no Campus Terra e a súa gran vinculación cos intereses da nosa comunidade, xa que se centran especialmente en áreas dos eidos gandeiro, agrícola e forestal, así como na saúde, e defendeu a importancia trascendental da ciencia como motor de desenvolvemento do noso país.

 

A subdelegada destacou que “nos últimos meses, ao desatarse a crise sanitaria, a investigación científica pasou a ser tema de gran interese para toda a cidadanía, quedou claro o valor da ciencia e do método científico mesmo para a nosa supervivencia e non debe haber marcha atrás”.

 

Rodríguez declarou que “o Goberno ten claro que o futuro de España e da nosa modernización pasa por darlle un pulo decisivo á ciencia, tan minusvalorada no noso país”. Neste sentido, lembrou que o Goberno aprobou o Plan de Choque pola Ciencia e a Innovación con investimentos por importe de 1.056 millóns de euros entre este ano e o próximo. E tamén destacou que o impulso á ciencia é un aspecto clave no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia co que o Goberno quere modernizar España.

 

A subdelegada informou de que onte mesmo o Goberno aprobou no Consello de Ministros, novas axudas para atraer e reter talento científico. Son 148 millóns de euros para a contratación de investigadores mediante varias convocatorias en concorrencia competitiva que financiarán e incentivarán a formación e especialización en I+D+I de investigadores, tanto no sector público como no privado. Entre estas convocatorias están os programas Rajón y Cajal e Juan de la Cierva que este ano incrementan o seu financiamento nun 30% en cumprimento do Plan de Choque para a Ciencia e a Innovación aprobado no mes de xullo.

 

Ademais, Rodríguez explicou que o proxecto de Presupostos Xerais do Estado que se debate nestas datas inclúe a maior dotación da historia para a ciencia e a innovación, xa que aumenta o investimento directo nun 59,4%, con respecto a 2020, ata acadar os 3.232 millóns de euros.

 

INVESTIGACIÓNS DE LUGO CON APOIO DO GOBERNO

 

No Campus de Lugo trabállase en 5 dos 67 proxectos da USC que obtiveron axudas por un importe total de 8.277.126 na convocatoria da Axencia Estatal de Investigación. Nesta convocatoria, o Goberno fixo unha especial mención aos mozos investigadores e, no caso de Galicia, un de cada 10 proxectos subvencionados está dirixido por investigadores novos.

 

Trátase dos seguintes estudos:

 

- “Seguridade alimentaria: estudo de clons de alto risco como candidatos vacunais e aplicación de estratexias anti-biofilm basadas en Quorum-Sensing”, de Azucena Mora Gutiérrez

 

- “Sistema de axuda á decisión para a adaptación ao cambio climático a través da planificación territorial e a xestión de riscos”, de David Miranda Barros

 

- “Efecto da frecuencia de rego e do uso de restos de pizarra na producción e calidade de Vitis vinífera cv. Mencía: composición aromática”, de Javier José Cancela Barrio

 

- “Carballeiras termófilas fronte ao estrés no límite da súa distribución: unha visión multidisciplinar a partir da formación de xilema no noroeste ibérico”, de Ignacio García González

 

- “A Biblioteca de Emilia Pardo Bazán; fondos completos, obra literaria, edicións e estudos críticos”, de Cristina Patiño Eirín

 

Ademais o Instituto de Saúde Carlos III achega financiamento ao proxecto:

 

- “Niveis de ciclofininas como biomarcadores de enfermidade coronaria (CAD). Avaliación de inhibidores específicos de ciclofininas como bioprotectores cardiovasculares”, de María Amparo Alfonso Rancaño

 

E a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) concedeu fondos ao estudo:

 

- “Plantando cara ao lume”, de Agustín Merino García

 

As subvencións concedidas a proxectos de investigación que se desenvolven no Campus Terra oscilan entre 13.310 e 159.720 euros.