Isabel Rodríguez chama a institucións e cidadáns lucenses a traballar na erradicación da violencia de xénero

Imagen pancarta Subdelegación Lugo

16/11/2020

 A subdelegada, a concelleira de Igualdade e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller instalan, na fachada da Subdelegación, unha pancarta conmemorativa do 25N

 Rodríguez subliña a preocupación do Goberno por unha lacra que reflicten os datos: só na provincia de Lugo son 547 os casos activos no sistema Viogen de protección das vítimas

 O Goberno abonou a renda activa de inserción a 111 vítimas da provincia entre xaneiro e setembro e deu axudas para cambio de residencia a 7 mulleres no mesmo período

 Este ano distribuíronse 152.285 euros aos concellos da provincia para programas contra a violencia de xénero


A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, chama a todas as institucións e cidadáns lucenses a traballar xuntos para erradicar a violencia de xénero, unha lacra que segue moi presente na sociedade, como o demostran os 547 casos activos que ten rexistrados na provincia de Lugo o sistema Vioxen de protección das vítimas. A subdelegada detallou que na provincia non hai casos catalogados de risco extremo, pero sí hai 2 de risco alto, 55 que son de risco medio, 219 de risco baixo e 271 de risco non apreciado.

 

A subdelegada alertou sobre a persistencia da violencia exercida sobre a muller logo de instalar no balcón da Subdelegación unha pancarta conmemorativa do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, acto no que a acompañaron a concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, María Luisa Castro. A colocación desta pancarta na fachada principal é o primeiro dos actos organizados pola Subdelegación con motivo do 25N.

 

A subdelegada destacou que “é obriga de todos actuar contra as agresións machistas” e lembrou que “a loita contra a violencia de xénero é unha clara prioridade para o Goberno de Pedro Sánchez

 

“Ademais de traballar na protección das vítimas, o Goberno pon a súa disposición distintos recursos como é a renta activa de inserción ou as axudas para cambio de residencia e tamén facilita recursos aos concellos para desenvolver actividades que conciencien á sociedade da necesidade de plantarlle cara a esta lacra”, explicou Rodríguez.

 

Así, a subdelegada informou de que na provincia de Lugo, ata o 30 de setembro, 111 vítimas percibiron  a renta activa de inserción, con un importe total de 47.760 euros. Ademais, concedéronse axudas para cambio de residencia a 7 mulleres.  

 

En canto aos medios de apoio e protección, entre xaneiro e setembro no teléfono 016 foron atendidas 197 chamadas de mulleres lucenses. No mesmo período 40 mulleres da provincia foron usuarias do servizo ATENPRO de atención e protección ás vítimas de violencia de xénero e activáronse 22 dispositivos do sistema de control telemático de medidas e penas de alonxamento no ámbito da violencia de xénero.

 

En canto aos fondos destinados aos concellos da provincia, este ano o Goberno abonou un total de 152.285 euros aos municipios lucenses para a realización de proxectos e programas contra a violencia de xénero. Estes fondos distribúense do seguinte xeito: cada un dos concellos recibe unha cantidade fixa de 689 euros e a esa cifra engádese outra cantidade que se calcula en función da súa poboación (0,18€ por habitante). O remanente dos fondos distribúese proporcionalmente entre os municipios incorporados ao sistema Vioxen.

 

PROGRAMA DE ACTOS

 

O día 23 de novembro celebrarase unha xornada formativa telemática dirixida a persoal dos servizos sociais dos concellos da provincia e dos centros de información da muller. A ponencia, titulada “Stop violencia contra as mulleres”, correrá a cargo da psicóloga xurídica e forense Laura Redondo e terá lugar ás 12 horas.

 

Na xornada do 25 de novembro a fachada da Subdelegación iluminarase de cor violeta. Ademais, ás 12 horas gardarase un minuto de silencio por todas as vítimas causadas pola violencia de xénero, farase a lectura dun manifesto conmemorativo e realizarase unha solta de globos en lembranza das mulleres asesinadas pola violencia machista.