O subdelegado do Goberno informa de que as forzas e corpos de seguridade manterán os operativos conxuntos para controlar o cumprimento das medidas de restrición da mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás

O subdelegado do Goberno informa de que as forzas e corpos de seguridade manterán os operativos conxuntos para controlar o cumprimento das medidas de restrición da mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás

13/10/2020

Dende a entrada en vigor das medidas restritivas da mobilidade as forzas e corpos de seguridade identificaron a máis de 11.500 persoas nos dispositivos de control

Emilio González agradece a colaboración da cidadanía de ambos concellos no cumprimento das medidas establecidas pola Consellería de Sanidade


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, presidiu esta mañá unha nova reunión do Centro de Coordinación (CECOR), creado o pasado 7 de outubro, na que se fixo un balance das actuacións levadas a cabo polas forzas e corpos de seguridade dende a entrada en vigor das medidas adoptadas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ante a evolución da COVID-19 nos municipios de Ourense e Barbadás.

Na reunión informouse de que dende o inicio das medidas restritivas da mobilidade en ambos concellos, que entraron en vigor ás 00:00 horas do xoves 8 de outubro, leváronse a cabo 224 dispositivos de control nos que se identificou a máis de 11.500 persoas. A pesar do respecto maioritario, 115 vehículos foron retornados polas forzas e corpos de seguridade por non acreditar suficientemente os motivos da viaxe. Así mesmo, o subdelegado do Goberno informou de 192 propostas de sanción e de 152 notificacións sobre infraccións da normativa sanitaria, unidas á detención dunha persoa.

Na xuntanza tamén se acordou o mantemento dos operativos de control conxuntos dos corpos de Policía Nacional, Garda Civil e policías locais de Ourense e Barbadás para restrinxir a mobilidade en ambos concellos, ademais do reforzo dos dispositivos nas vías secundarias.

O subdelegado do Goberno quixo manifestar o seu agradecemento pola colaboración da gran maioría da cidadanía de ambos concellos, incidindo en que se observa un elevado grao de cumprimento das medidas establecidas pola Xunta de Galicia.

Así mesmo, Emilio González apelou unha vez máis á responsabilidade individual no cumprimento da normativa en vigor para conseguir reducir a transmisión do virus. Lembrou que “aínda queda moita loita contra a COVID-19 e non se debe baixar a garda para evitar dar pasos atrás”.

O subdelegado do Goberno quixo trasladar o seu agradecemento e recoñecemento a todas as forzas e corpos de seguridade polo traballo realizado a través dos dispositivos de control dende o día oito de outubro, así como durante o estado de alarma e o proceso de nova normalidade. Emilio González lembrou que “as forzas e corpos de seguridade do Estado velan dende o primeiro día da pandemia pola saúde e seguridade da cidadanía e así o van seguir facendo”.

Na reunión, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael López Pinel; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez Hernández; a secretaria territorial da Xunta de Galicia, Silvia Dorado Morales; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez Estévez; a xefa da Policía Local de Ourense, María Barrera Aldemira; e o representante da Policía Local de Barbadás, Pedro Freire Guede.