Maica Larriba subliña o compromiso do Goberno cos máis desfavorecidos nestes momentos de crise sanitaria

Maica Larriba subliña o compromiso do Goberno cos máis desfavorecidos nestes momentos de crise sanitaria

05/10/2020

A subdelegada do Goberno acudiu hoxe xunto a representantes da Asemblea Provincial da Cruz Vermella de Pontevedra á entrega dunha nova partida de 304 toneladas de alimentos asignadas para a provincia polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no marco do programa de Axuda Alimentaria 2020.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra,   Maica Larriba, estivo presente esta mañá na entrega dunha nova partida de axuda alimentaria destinada á Asemblea Provincial da Cruz Vermella en Pontevedra.

A entidade social, que participa no Programa 2020 de Axuda Alimentaria para as persoas máis desfavorecidas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, recibiu nesta ocasión un total de 304 quilogramos, que distribuirá, xunto a máis dun centenar de asociacións pontevedresas, entre as persoas con menos recursos da provincia.

Na súa visita aos almacéns da organización, a subdelegada do Goberno estivo acompañada pola súa presidenta provincial, María Teresa Álvarez, e pola secretaria e técnica do proxecto, María Jesús Fernández e Berta Segovia, respectivamente.

Maica Larriba destacou que “Cruz Vermella e o máis de centenar de asociacións e colectivos sociais que contribúen ao reparto de alimentos, representan o músculo solidario da provincia nun momento no que as  brechas sociais corren o risco de volver a ampliarse. Estas cestas de alimentos básicos, nutritivos e pouco perecedoiros son solucións efectivas que palían a situación de precarización das persoas máis desfavorecidas e materializan o compromiso deste Goberno para que ninguén se volva a quedar atrás”. Larriba quixo destacar “o traballo conxunto do Goberno co tecido social da provincia, que vénse materializando coa entrega de máis de 300.000 máscaras o pasado mes de setembro para os colectivos máis vulnerables, e agora con este novo reparto de alimentos”.

Con esta entrega complétanse as 608 toneladas que se repartirán na provincia nesta segunda fase do programa, e que se suman ás 425 toneladas repartidas durante o primeiro ciclo do programa. O Banco de Alimentos, o outro centro de almacenamento e distribución da provincia, recibiu tamén nesta segunda fase 304 toneladas de comida.

Para esta nova distribución contarase coa colaboración de máis dun centenar de organizacións locais de repartición, entre a que se encontra Cáritas, que serán as encargadas de facer chegar directamente as cestas alimentarias esenciais ás persoas máis desfavorecidas.

Maica Larriba fixo fincapé “no valioso traballo das organizacións que participan no programa e de todos os seus voluntarios. A crise sanitaria ten que servir para reactivar a nosa conciencia social e para activar mecanismos solidarios que garantan una sociedade igualitaria”. Así mesmo, agradeceu “a implicación todas as entidades que participan nas entregas deste fondo de alimentos e que contribúen a dar unha resposta urxente ás persoas economicamente vulnerables da nosa provincia”.

Programa 2020 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), puxo en marcha o pasado mes de marzo o “Programa 2020 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas”, a través do cal se repartirán, de forma gratuíta, 88.448.397 q uilos de alimentos en toda España.

O Programa 2020, que supuxo a adquisición de alimentos a través dun proceso de licitación pública por máis de 87 millóns de euros, está cofinanciado nun 85 % polo Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas (FEAD) e nun 15 % polos orzamentos do Estado.

Este programa, desenvólvese en tres fases, dúas no ano 2020 e unha terceira no primeiro trimestre de 2021. A “cesta de alimentos” que se entrega aos beneficiarios inclúe arroz, legumes cocidas, leite enteira UHT, aceite de oliva, atún en conserva, sardiñas en conserva, conserva de carne, pasta alimenticia, tomate frito, galletas, macedonia de verduras,  froita en conserva, batido de chocolate e tarriños infantís de froita e de polo.

No ano 2019, o Goberno entregou na provincia de Pontevedra 1.760 toneladas de  produtos por valor de máis de 1,6 millóns de euros, que foron  distribuídos a máis de 22.000 beneficiarios.