Isabel Rodríguez informa de que a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron 575 dispositivos na provincia na última semana

Imagen reunión CECOR Lugo

27/01/2021

 A subdelegada do Goberno, que presidiu a reunión do CECOR, anuncia a intensificación dos controis de seguridade e insiste na necesidade de que todos cumpramos coas limitacións de mobilidade e contactos sociais

 Nos últimos sete días, 6.333 persoas e 5.478 vehículos foron controlados pola Garda Civil e a Policía Nacional, que formularon 153 propostas de sanción e realizaron 1 detención por non respectar a normativa sanitaria na provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) que tratou sobre os dispositivos postos en marcha polas forzas e corpos de seguridade debido á entrada en vigor, a pasada medianoite, de maiores restricións sanitarias fixadas pola Xunta para frear a expansión do coronavirus en Galicia. Na xuntanza, que se celebrou de xeito telemático, tomaron parte responsables da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local de Lugo, Protección Civil e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta.

 

A subdelegada informou que desde o pasado mércores, cando tivo lugar a anterior xuntanza do CECOR, a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron na provincia de Lugo 575 dispositivos de seguridade nos que foron identificadas un total de 6.333 persoas e controlaron 5.478 vehículos.

 

Isabel Rodríguez detallou que nos sete días comprendidos entre o 19 e o 26 de xaneiro a Garda Civil e a Policía Nacional formularon un total de 153 propostas de sanción e practicaron 1 detención polo incumprimento das restricións á mobilidade e os contactos sociais que fixara a Xunta de Galicia para os concellos da provincia de Lugo durante ese período de tempo.

 

Ao remate da xuntanza, Rodríguez, anunciou que se van intensificar na provincia os controis que levan a cabo as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, en coordinación coas Policías Locais e a Policía Autonómica, que traballan conxuntamente para asegurar que son respectadas as medidas establecidas pola autoridade sanitaria, tanto no referido á limitación de mobilidade e contactos sociais como aos peches e restricións de horarios, que están vixentes desde hoxe, e polo menos ata o día 17 de febreiro, en toda a Comunidade Autónoma

 

Isabel Rodríguez recoñeceu que o cumprimento da novas medidas suporá un importante sacrificio para a cidadanía, pero insistiu en que “é imprescindible que todos respectemos escrupulosamente coas restricións para conseguir frear a expansión da pandemia”.

 

“Cada un de nós temos unha responsabilidade que asumir na defensa da saúde”, dixo a subdelegada, que lembrou “o gran servizo público que están a prestar a toda a cidadanía as forzas de seguridade desde o comezo da pandemia”.