Emilio González insta ás institucións e á sociedade ourensás a traballar conxuntamente para erradicar a violencia machista e fomentar unha convivencia en igualdade real e efectiva

Acto central 25N Subdelegación do Goberno en Ourense

25/11/2020

A Subdelegación do Goberno organiza o seu acto central con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller gardando un minuto de silencio

A fachada da Subdelegación iluminarase esta tarde coa cor violeta, símbolo desta reivindicación

A provincia de Ourense ten actualmente 368 casos activos no sistema VioGén de protección ás vítimas e rexistrou 420 denuncias no que vai de ano


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, incidiu na xornada de hoxe na necesidade de que “as institucións e a sociedade ourensás sigan traballando conxuntamente para erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres e fomentar unha convivencia en igualdade real e efectiva”. Así o recalcou durante o acto central do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller celebrado esta mañá ante a sede da Subdelegación do Goberno en Ourense.

No minuto de silencio participaron o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso; o tenente coronel da Garda Civil,  Rafael López Pinel; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez Hernández; e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, María Alida Iglesias Gil, entre outras autoridades.

A través da lectura do manifesto deixouse patente que a violencia contra as mulleres constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais e que para freala é preciso implicar a toda a sociedade no seu conxunto.

Lembrouse que no ano 2020 en España a violencia de xénero cobrouse a vida de 41 mulleres e de 3 nenos e nenas, producíndose en Galicia dúas mortes por violencia machista e 63 dende o 2003. Na comunidade existen actualmente 3.733 casos activos de violencia de xénero, nos que a franxa de idade con máis incidencia é a de mulleres entre 31 e 45 anos, con 1.595 casos.

“As cifras sitúannos ante unha violencia machista estrutural que debemos desmontar e derrotar entre todas e todos. É preciso conmemorar o 25N todos os días do ano porque non podemos baixar a garda na loita contra esta lacra social”, indicou Emilio González.

A xornada complementouse cunha lectura poética contra a violencia de xénero levada a cabo por membros do Círculo Poético Ourensán.

DATOS DA PROVINCIA DE OURENSE

Na provincia de Ourense hai actualmente 368 casos activos rexistrados no Sistema de Seguimento Integral dos casos de Violencia de Xénero (VioGén). Emilio González informou que non hai casos catalogados de risco extremo, pero 4 deles presentan risco alto, 28 presentan risco medio, 123 presentan risco baixo e 213 risco non apreciado.

Así mesmo, o subdelegado informou de que nos meses de 2020 se interpuxeron na provincia de Ourense un total de 420 denuncias por violencia de xénero. Na actualidade 14 mulleres son usuarias do Servizo de Teléfono de Atención e Protección (ATENPRO) e están activos 19 dispositivos do sistema de control telemático de medidas e penas de afastamento.

O subdelegado do Goberno sinalou que “para  o Goberno de España a violencia de xénero é unha política de Estado absolutamente prioritaria para acadar un país máis xusto, libre e igualitario”, á que destinou en Galicia este ano 8,41 millóns de euros para o desenvolvemento de accións específicas de axuda, mellora de coordinación e tarefas preventivas. Xunto a elas, e no marco da pandemia da  COVID-19, o Goberno aprobou un Plan de Continxencia específico contra a violencia machista e trata con accións de seguridade policial, para favorecer o traballo das asociacións e con medidas de carácter económico para as vítimas.

Así mesmo, Emilio González citou a labor que está a levar a cabo a Subdelegación do Goberno para incorporar a aqueles concellos que contan con Policía Local ao sistema de seguimento e protección de vítimas do Ministerio do Interior, VioGén, que na provincia de Ourense xa conta con sete adhesións: Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Barbadás, Verín, Xinzo de Limia e Celanova. “Dende a Subdelegación seguiremos impulsando todas aquelas accións encamiñadas a combater a violencia machista en colaboración coa sociedade e con todas as administracións”.

PROGRAMACIÓN

Ademais do acto central, o 25N a fachada da Subdelegación do Goberno iluminarase coa cor violeta, símbolo desta reivindicación.

Estas accións de visibilización complétanse coa campaña levada a cabo en redes sociais por parte da Delegación do Goberno en Galicia, co obxectivo de concienciar á poboación sobre a relevancia da unidade social fronte a un problema que afecta a tódolos ámbitos, e co reparto nas catro provincias galegas de 5.000 carteis de sensibilización contra a violencia de xénero, destinados a edificios públicos, sedes de asociacións profesionais e locais sociais de diversa entidade.