Javier Losada recoñece o papel esencial dos técnicos superiores sanitarios na evolución da crise sanitaria

Javier Losada recoñece o papel esencial dos técnicos superiores sanitarios na evolución da crise sanitaria

22/11/2020

Reuniuse coa Xunta Directiva de Atessga, asociación que representa ao conxunto destes profesionais sanitarios en Galicia

Recibiu as aportacións do colectivo ás conclusións en materia de sanidade da Comisión de Reconstrucción do Congreso, que trasladará ao Ministerio de Sanidade para a súa análise

O delegado amósase convencido que esta lexislatura sentará as bases para a reclasificación profesional dos técnicos sanitarios


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, recoñeceu o papel esencial dos técnicos superiores sanitarios na prevención e loita contra a pandemia do coronavirus, polo seu contacto permanente cos pacientes e pola súas responsabilidades, que desempeñan “día a día” con total compromiso e alto grado de formación.

Javier Losada trasladoulle esta reflexión aos integrantes da xunta directiva de Atessga, asociación que representa a este colectivo en Galicia, cos que mantivo unha reunión por videoconferencia.

Durante o encontro, o delegado recibiu as aportacións deste colectivo ás conclusións sobre sanidade da Comisión para a Reconstrucción Social e Económica tras o Covid-19 do Congreso dos Deputados, comprometéndose a achegalas aos ministerios correspondentes.

O delegado do Goberno amosouse convencido de que esta lexislatura será a que cumpra as demandas de reclasificación profesional dos Técnicos Superiores Sanitarios adecuando a ordenación actual á formación e cualificación real destes profesionais. Javier Losada trasladoulle á xunta directiva a preocupación do Ministerio de Sanidade e do seu titular, Salvador Illa, na procura dunha solución legal a esta demanda que pasa por unha mellora da súa cualificación.

Ademáis, a reunión serviu para poñer  en valor o perfil profesional dos técnicos superiores en Administración e Xestión Sanitarias de cara a formar parte dos dipositivos de seguemento e rastrexo na pandemia así como outras propostas a nivel sanitario.