Maica Larriba destaca que os orzamentos de 2021 reservan 211 millóns de euros para inversións directas na provincia, o que supón un incremento do 30 % respecto aos de 2018

Maica Larriba destaca que os orzamentos de 2021  reservan 211 millóns de euros para inversións directas na provincia, o que supón un incremento do 30 % respecto aos de 2018

03/11/2020

A subdelegada do Goberno quixo destacar que “son uns orzamentos realistas, que consignan partidas executables e que recollen as principais demandas da veciñanza da provincia”.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, vén de presentar os orzamentos de 2021 para Pontevedra. A subdelegada quixo destacar que o novo texto “suporá unha inversión directa na provincia de 211 millóns de euros, o que supón un incremento do 30 % respecto ás inversións consignadas nos orzamentos de 2018”.

A subdelegada do Goberno quixo destacar que este anteproxecto de lei presenta “uns orzamentos realistas, adaptados ás demandas da provincia e que consignan partidas que realmente vanse executar, adaptas aos procedementos administrativos vixentes”. Larriba subliñou que “nos últimos anos comprobamos como os orzamentos inclúen partidas ′de papel′. Partidas que anteriores gobernos foron incapaces de inverter porque son irreais, facendo crer a cidadanía que se dedicaban moitos millóns a proxectos irrealizables. Na nosa provincia temos exemplos dabondo de inversións comprometidas en anteriores orzamentos que nunca se chegaron a executar. Podemos falar da variante de Ponteareas, o nodo de bombeiros ou un largo etcétera. Este Goberno quere cambiar ese modelo por un real. Se se pode inverter figura no orzamento. En caso contrario, non”.

A subdelegada puxo como exemplo de compromisos reais “a saída sur do AVE en Vigo, á que se lle dedica unha partida de 200 mil euros que ten como obxectivo continuar cos estudos técnicos; ou a planificación da nova liña Ourense-Vigo por Cerdedo, á que se lle reserva unha dotación para a realización dos estudos hidroxeolóxicos necesarios por un importe de 500 mil euros”.

INVERSIÓN SOCIAL

A subdelegada do Goberno quixo subliñar que “por enriba de todo, estes son uns orzamentos sociais”. Larriba destacou que estas contas supoñen “a maior inversión social da historia de España, cun triplo obxectivo: reconstruír o que a crise económica arrebatounos, modernizar o noso modelo produtivo e fortalecer o estado de benestar. Xa que se as inversións en obras son importantes para dinamizar a economía da provincia, máis importantes son aínda a política e o gasto social, para garantir que ninguén se quede atrás”.

Na actualidade, o Ingreso Mínimo Vital chega a máis de 2.500 persoas na provincia de Pontevedra. “Unha cifra que seguirá aumentando ata cubrir todas as necesidades”, explicou Larriba. Ademais, máis de 242.000 pontevedreses reciben una prestación por xubilación. A subdelegada lembrou que “o Goberno comprometeuse a revalorizar as pensións en base ao IPC -previsto no 0,9% para o próximo exercicio- e así o reflicte este anteproxecto de Lei, que recolle ademais un aumento de 600 millóns de euros para políticas de dependencia”.

INFRAESTRUCTURAS

Maica Larriba quixo subliñar tamén o compromiso do Goberno en materia de infraestruturas. Neste sentido, a subdelegada informou de que o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana compromete neste anteproxecto de lei unha inversión real na provincia de Pontevedra de 142 millóns de euros, o que supón un incremento do 36,1% respecto ás contas do 2020.

Os orzamentos de 2021 prevén, no sector de carreteiras, unha inversión real na provincia de Pontevedra de 54,11 millóns de euros, o que supón un aumento do 21,3% respecto as contas anteriores. Neste sentido, Pontevedra está un 25,5% por riba da media provincial en canto a inversión real en estradas.

Pola súa banda, a inversión real no sector ferroviario na provincia de Pontevedra increméntase tamén un 69,1%, pasando dos 21 millóns de euros nos orzamentos de 2020 aos 36 millóns de euros no proxecto de orzamentos para 2021.

Respecto aos orzamentos aprobados en 2018 e prorrogados en 2020, a inversión real no sector marítimo en Pontevedra aumenta un 23,2%, pasando de contar con 30 millóns de euros nos presupostos de 2020 a 37 millóns de euros no actual anteproxecto de lei. Rexistra aínda un maior incremento o sector aeroportuario na provincia, que contará cunha inversión real de 14,67 millóns de euros, o que supón un aumento do 119,4% respecto ás anteriores contas.

A subdelegada do Goberno destacou, entre as partidas destinadas a impulsar novas actuacións en Pontevedra, “a de 2,3 millóns de euros para iniciar as obras de remodelación do enlace Pontevedra Norte (Nodo de Bombeiros) na AP-9, así como a inversión de 20,9 millóns de euros prevista para proseguir coas obras da autovía de Circunvalación de Pontevedra (A57) no seu tramo Vilaboa-A Ermida”.

Así mesmo, prevense as partidas necesarias para a redacción de estudos e proxectos de futuras actuacións na Rede de Estradas do Estado en Pontevedra, que permitirán, entre outros, licitar o contrato de redacción do proxecto de Vial de Conexión entre A-52 e N-120 en Ponteareas (100 mil euros) ou na N-550, proseguir coa redacción do estudo informativo da Variante de Pontecesures e Valga (100 mil euros). Para o mantemento e mellora da seguridade viaria da Rede de Estradas do Estado en Pontevedra contémplase unha partida no orzamento por importe de 21,2 millóns de euros, na cal se engloban diversas actuacións de mellora de firmes, interseccións, sinalización, balizamento, drenaxe e estruturas, así como os servizos de conservación e explotación ordinaria de estradas.

A subdelegada do Goberno quixo destacar tamén que, en materia ferroviaria, “o Eixo Atlántico recibirá un total de 25,3 millóns de euros na provincia de Pontevedra”. Adif consigna, entre outros, dotación para a infraestrutura, vía e electrificación do tramo Vigo-Tui (7,6 millóns de euros en Pontevedra), así como para a renovación do tramo Vigo Guixar-Redondela-Guillarei-Ourense (11,6 millóns de euros en Pontevedra). Pola súa banda, o orzamento de Renfe contempla un investimento total de 7,3 millóns de euros na provincia, para a realización de actuacións en estacións, en material rodante, grandes reparacións, mellora da seguridade na circulación, accesibilidade en trens, sistemas de información e venda e investimentos en talleres e outras instalacións.

Así mesmo, o aeroporto de Vigo ten consignados 14,3 millóns de euros para o desenvolvemento e mellora de axudas á navegación, as actuacións de apoio e mantemento, así como a seguridade operativa e o desenvolvemento e mellora de axudas á navegación.

Do mesmo xeito, o actual anteproxecto de lei de presupostos reserva 9,9 millóns de euros á Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, 1,6 millóns de euros á Autoridade Portuaria de Vilagarcía e 25,6 millóns de euros á Autoridade Portuaria de Vigo. As contas destinan, ademais, case 52 millóns de euros para a Zona Franca de Vigo. “A esta cantidade hai que sumar tamén os custos da liberalización da peaxe de Redondela e as bonificacións aos usuarios habituais da AP-9 que acadarán unha cifra de más de 55 millóns de euros”, subliñou Larriba.

A subdelegada quixo lembrar tamén outros proxectos que aparecen comprometidos na actual proposta de orzamentos, “como o novo Centro de Cooperación Policial Aduaneira –CCPA- de Tui (800 mil euros), a construción do novo cuartel da Garda Civil de Cambados (2 millóns de euros), o itinerario peonil entre Marín e Pontevedra (2,1 millóns de euros) ou as actuacións de saneamento dos Concellos de Poio, Sanxenxo e a Illa de Arousa (que suman case 700  mil euros). En definitiva, numerosos proxectos que teñen no seu centro á cidadanía, pero que buscan garantir os medios necesarios para contribuír á modernización económica e o mantemento da actividade na nosa provincia”.