Maica Larriba recibe a Irene Vilaboa, adestradora do SD Teucro

Maica Larriba recibe a Irene Vilaboa, adestradora do SD Teucro

19/10/2020

A subdelegada do Goberno subliña o compromiso coa igualdade e mostra o seu orgullo porque unha muller dirixa un dos equipos de balonmán da cidade de Pontevedra.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, recibiu hoxe nas dependencias da Subdelegación do Goberno en Pontevedra a Irene Vilaboa, adestradora do SD Teucro desde o pasado mes de xuño e a primeira muller á fronte dun equipo na División de Honor Prata de balonmán. Tamén foi a primeira muller que adestrou a un equipo masculino de Primeira Nacional, cando se puxo ao mando do Bueu Atlético, onde estivo nove anos, até 2019. Acompañou á deportista no encontro, o delegado do SD Teucro, Javier Domínguez.

“É un inmenso pracer poder recibir hoxe a unha figura do deporte da talla de Irene Vilaboa. Un referente no ámbito deportivo e, tamén, na loita pola igualdade”, asegurou Maica Larriba. A subdelegada quixo subliñar que “o balonmán na nosa provincia é un motivo de orgullo. Pontevedra é, desde hai xa varias décadas, un referente nacional neste deporte. A nosa é unha das provincias españolas con máis representantes nas catro principais categorías do balonmán profesional. Pero ademais somos un exemplo de igualdade. Irene Vilaboa foi a primeira muller en adestrar un club en primeira nacional e desde este ano converteuse tamén na primeira muller en adestrar un equipo na División de Honor Prata. E, en ambos casos, en equipos da provincia”.

A subdelegada quixo así mesmo destacar o compromiso do Goberno co deporte feminino en España, “mellorando as condicións das deportistas e fortalecendo as súas estruturas deportivas, así como facendo efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes mediante a promoción da presenza da muller en todas as esferas e categorías deportivas”.

Neste sentido, a subdelegada lembrou que “o pasado mes de febreiro materializábanse estes obxectivos coa firma no Congreso dos Deputados do primeiro Convenio Colectivo do Fútbol Feminino. Tras este primeiro paso, o Goberno anunciou o pasado mes de setembro que dotará da condición de profesional á máxima competición española de fútbol feminino”.

Para potenciar a participación das mulleres no deporte, o Consello Superior de Deportes está a desenvolver diferentes actuacións e programas específicos, dirixidos especialmente aos cadros técnicos e á dirección das organizacións deportivas. Larriba resaltou ademais que “este Goberno elevou a esixencia da presenza feminina para solicitar subvencións do CSD, pasando de esixir tres mulleres en Xunta ou un 33% de representación feminina en 2018, a un número de catro mulleres ou un 40% na actualidade”.

Irene Vilaboa, muller pioneira

Irene Vilaboa é na actualidade adestradora do SD Teucro. Antes adestrou ao club BM Porriño, ao Atlético Guardés e ao Bueu Atlético, tanto en categorías masculinas como femininas. Ademais, dirixiu durante dous anos á selección galega absoluta feminina e formou parte do corpo técnico da selección española júnior feminina durante dez tempadas, acadando, entre outros éxitos, unha medalla de prata no Europeo de 2007 e un cuarto posto no Mundial de 2008. Conseguiu ascender ou levar a fases finais dos campionatos de España a todos os clubs nos que estivo. A súa recente incorporación ao SD Teucro converteuna na  primeira muller en dirixir a un equipo masculino en cada unha das dúas primeiras categorías nacionais de balonmán.