Javier Losada felicita o emprendemento das mulleres no rural galego tras acadar tres dos premios nacionais á excelencia convocados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Javier Losada felicita o emprendemento das mulleres no rural galego tras acadar tres dos premios nacionais á excelencia convocados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

14/10/2020

O MAPA concede dende hai once anos os “Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais” para dar visibilidade ao labor das mulleres rurais e recoñecer o traballo das súas emprendedoras

“Cabaniñas do Bosque”, en Outes, “Rir&Co, deseño téxtil artesán”, de Allariz, e “Trasdeza Natur”, de Silleda acadan este ano o recoñecemento nacional

Os galardóns serán entregados a partir das 12.30 do mediodía de hoxe polo ministro, Luís Planas, nunha gala que se poderá seguir nas redes sociais do Ministerio


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou  o novo recoñecemento á iniciativa empresarial das mulleres rurais galegas que supoñen os galardóns dos “Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais”. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación fará hoxe entrega destas distincións que, na súa undécima edición, recoñecen os traballos de dez mulleres vencelladas co medio rural, dos que tres son de empresas e proxectos impulsados por galegas.

Javier Losada lembra que se trata de premios a nivel nacional que o Ministerio convoca anualmente para dar visibilidade ao labor das mulleres rurais na diversificación da actividade económica e as actuacións emprendedoras no territorio. Con estes premios, ademais, amosan o compromiso coas políticas que impulsan a igualdade de xénero plena, favorecen o acceso aos mozos á actividade agraria e fomentan a diversificación da actividade agraria no medio rural, o que contribúe a frear o despoboamento das contornas rurais.

O delegado do Goberno felicita ás galardonadas e agarda que supoñan de exemplo para outras mulleres que estean traballando para crear novas oportunidades no mundo rural.

Nesta edición, os galardóns concedidos a galegas sitúanse nas categorías de diversificación da actividades económica do medio rural e de innovación na actividade agraria.

Excelencia á innovación na diversificación da actividade económica do medio rural ou zonas costeiras

O primeiro premio desta categoría foi concedido ao proxecto “Cabaniñas do bosque. A dispersión rural como oportunidade para a innovación”, presentado pola sociedade  Do  Artesanato, fincada en Outes (A Coruña) especializada en turismo sostible e accesible.

Esta empresa familiar, creada por Saladina  Turnes, Manuel Lema e a súa filla  Renata, conta con 146 prazas de aloxamento distribuídas en diferentes tipoloxías, entre as que destacan as cabaniñas do bosque, espazos de gran calidade situados entre as ramas das árbores. Contan con catro complexos de cabanas, situados en diferentes núcleos rurais, co que se evita a sobrecarga de turismo.

O segundo premio é para o proxecto “RIR & CO Deseño Téxtil Artesán”, de Inés Rodríguez Rodríguez, propietaria dun estudo téxtil artesán situado en Allariz (Ourense), no que se mostran utensilios antigos relacionados coa cultura rural téxtil da zona. Inés Rodríguez vende os seus produtos na súa tenda física e a través de internet, onde tamén ofrece produtos doutros artesáns relacionados coa marca Artesanía de Galicia.

Excelencia á innovación na actividade agraria

O terceiro premio na categoría de “Excelencia á Innovación da Actividade Agraria” recaíu en María José Tallón García, pola iniciativa “Trasdeza  Natur”, de Silleda (Pontevedra), dedicada á produción e transformación de produtos vexetais de horta ecolóxica. Trátase dun proxecto orixinal e novo no ámbito rural galego, pioneiro ademais no desenvolvemento e aplicación da tecnoloxía solar.