Maica Larriba subliña a necesidade de dotar de recursos reais as mulleres que sofren a violencia machista

Maica Larriba subliña a necesidade de dotar de recursos reais as mulleres que sofren a violencia machista

24/10/2019


A subdelegada do Goberno participou na inauguración da xornada sobre “Comunicación, Igualdade e Violencia de Xénero” da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, subliñou hoxe que as mulleres que sofren a violencia machista deben contar con recursos reais para cando decidan saír desta espiral de xeito que teñan garantido as súas necesidades económicas e habitacional. A subdelegada recordou que “ás mulleres que queren escapar dunha espiral de violencia hai que facilitarlles os medios para abandonar esta situación. Hai que crear máis instalacións de acollida e incentivos económicos para que esa dependencia do maltratador rompa e a muller saiba que vai poder vivir sen depender da súa parella”.

A subdelegada participou xunto a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a secretaria xeral de Igualdade, López Abella e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, na inauguración da xornada sobre “Comunicación, Igualdade e violencia machista”. Larriba instou a ser críticas coa situación actual porque a pesares de todos os medios existentes e da sensibilización da sociedade as cifras de 49  asasinadas este ano “nos obrigan a ser críticas”.

Maica Larriba subliñou que “Non podemos normalizar que as vítimas de violencia teñan que volver convivir co seu maltratador porque as administracións non poden darlle unha solución de seguridade e un futuro na súa vida. Non podemos dicirlles que todo se soluciona cunha denuncia se logo non podemos ofrecerlles unha alternativa de vida afastada do maltratador”.

Ese aspecto crítico destacou a subdelegada do Goberno ten que ser unha reflexión “sobre o diñeiro que investimos en publicidade se o destino non sería mellor para apontoar toda unha serie de servizos de cobertura das mulleres maltratadas. Sobre todo, agora cando hai un movemento negacionista da realidade da muller no noso país e, que mesmo, cuestiona a violencia contra a muller a pesar das cifras que temos. Non podemos permitir unha involución nos dereitos adquiridos pola muller nos últimos anos”.

Tamén se referiu Larriba ao Pacto de Estado sobre a Violencia de Xénero e recordou que “este pacto permitiu dispoñer este ano de 200 millóns de euros repartidos entre as comunidades autónomas, concellos e a propia administración central. O acordo de abril estipula que estes douscentos millóns repártense en cen millóns para as comunidades autónomas, vinte para os concellos e oitenta para a administración central. Galicia é a quinta comunidade que máis fondos recibe este ano con case oito millóns de euros, tras Andalucía, Cataluña, Madrid e Valencia. Ademais o pacto contempla que de maneira anual os concellos reciben unha cifra global de vinte millóns que no caso dos 61 da provincia de Pontevedra achégase aos 400.000 euros”.