Maica Larriba preside a entrega de diplomas da nova edición de Formación Profesional para persoal militar

Maica Larriba preside a entrega de diplomas da nova edición de Formación Profesional para persoal militar

08/10/2019


Estes cursos forman parte do convenio entre o Servizo Público de Emprego Estatal ( SEPE) e o Ministerio de Defensa, a través da Dirección Xeral de Recrutamento e Ensino Militar ( DIGEREM)

A subdelegada quixo destacar o compromiso na formación complementaria para militares


A Subdelegada  do  Goberno en Pontevedra  presidiu o acto de clausura da nova edición dos Curso de Formación Profesional para o Emprego na Base General Morillo pertencente á  Brilat. Acompañada da directora provincial do  SEPE, Marta Estrada e do Coronel da Base de Figueirido, Miguel Cortés, fixo entrega dos diplomas aos 75 militares que participaron nos módulos de preparación profesional deste ano.

En concreto, as accións formativas estiveron compostas de formación modular e prácticas non laborais en ámbitos como a atención sanitaria en catástrofes, transporte sanitario, vixiancia e protección de explosivos ou o CAP para o transporte, tanto de viaxeiros como de mercadorías.

Con estes estudos, subvencionados con máis de 150.000 euros, obtense a acreditación laboral suficiente para o futuro profesional do alumnado, tal como destacou a propia  Maica  Larriba. Precisamente, neste punto foi onde a subdelegada do Goberno quixo facer fincapé ao “sinalar a importancia desta preparación profesional  para dar continuidade aos militares de tropa e mariñeiría de servizo temporal do noso exército, adquirindo instrumentos formativos para a súa futura reincorporación á actividade civil”.

Finalmente, Larriba  felicitou ao conxunto de participantes deste ano “polo seu esforzo en compaxinar estudos e o seu traballo na base militar e  animou  á  continuidade  deste  proxecto   interministerial”.