A Delegación do Goberno en Galicia informa de que está aberto o procedemento para a presentación de proxectos cara ao Xacobeo 2021

Logo do Xacobeo 2021

29/09/2019


O Ministerio de Cultura e Deporte habilita esta ferramenta na súa sede electrónica (https://cultura.sede.gob.es/)

A inclusión decidirase de acordo coa contribución aos obxectivos acordados pola Comisión Executiva do Consello Xacobeo

Xa están aprobadas as primeiras iniciativas do programa oficial para o próximo Ano Santo

A conmemoración iniciarase en 2020 cun programa aberto e plural que destacará a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago


A Delegación do Goberno en Galicia informa de que xa se atopa aberto o procedemento para que entidades públicas e privadas soliciten a inclusión de actividades no programa oficial do Xacobeo 2021. O Ministerio de Cultura e Deporte vén de habilitar un formulario na categoría de “Cooperación Cultural” dentro da súa sede electrónica (https://cultura.sede.gob.es/)  para que se remitan estas propostas. Esta iniciativa xorde da intención de deseñar un programa oficial da conmemoración de carácter aberto e participativo.

A Comisión Executiva do Consello Xacobeo, órgano de cooperación entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas polas que pasan os Camiños de Santiago históricos, será a que finalmente elixa estas iniciativas. Para a inclusión dunha actividade nos plans e programas oficiais, este organismo terá en conta a súa contribución á celebración do Ano Santo Xacobeo 2021 valorando particularmente: a relación que a actividade garda co Camiño de Santiago; a orixinalidade, rigor e/ou relevancia da súa achega aos fins da conmemoración; e a viabilidade económica da proposta.

Finalmente, todos os proxectos aprobados difundiranse nunha páxina web que está a crear o Consello Xacobeo.

A Delegación do Goberno lembra que o Programa oficial do Xacobeo 2021 iniciarase en 2020 cun programa aberto e plural que destacará a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago. Ademais deste gran obxectivo, o Consello Xacobeo propón nesta celebración: convidar o diálogo ao redor deste Gran Itinerario Cultural Europeo; promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea; impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago e fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago particularmente entre os máis novos.

PRIMEIRAS INICIATIVAS OFICIAIS APROBADAS

Esta semana, a  reunión da Comisión Executiva do Consello Xacobeo aprobou as primeiras actividades do programa conmemorativo do Xacobeo 2021. Son en total 25 proxectos: 12 accións para a dinamización cultural do Camiño e a divulgación científica (entre os que se atopan o proxecto Fitos do Camiño; exposicións itinerantes; ciclos de espectáculos de rúa; o proxecto Camiño Escena Norte, os festival O Son do Camiño e unha edición especial do festival Terra de cinema) e 13 proxectos conxuntos para a difusión turística deste itinerario cultural e a acollida a visitantes e peregrinos.