Os subdelegados do Goberno en Lugo e Ourense celebran a candidatura da Ribeira Sacra para converterse en Patrimonio Mundial da Unesco

Os subdelegados do Goberno en Lugo e Ourense celebran a candidatura da Ribeira Sacra para converterse en Patrimonio Mundial da Unesco

05/04/2019


Destacan a importancia que ten para as provincias a candidatura que defenderá o Ministerio de Cultura na UNESCO

A decisión deuna a coñecer hoxe o director xeral de Belas Artes, Román Fernández-Baca, que presidiu o Consello de Patrimonio Histórico celebrado en Santo Estevo, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o seu homónimo na provincia de Ourense, Emilio González, expresaron hoxe a súa gran satisfacción tralo anuncio de que o Goberno de España defenderá na UNESCO a candidatura da Ribeira Sacra á declaración de ben Patrimonio Mundial. A decisión deuna a coñecer este mediodía o director xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, Román Fernández-Baca, que presidiu o Consello de Patrimonio Histórico celebrado durante dous días en Santo Estevo, no concello ourensán de Nogueira de Ramuin. Deste organismo, que preside o Ministerio de Cultura, forman parte tamén representantes de todas as comunidades autónomas.

Ambos declararon esta é unha noticia de gran importancia para ambas provincias e para toda Galicia”. Isabel Rodríguez destacou que a presentación polo ministerio de Cultura da candidatura da Ribeira Sacra na UNESCO “é o primeiro paso fundamental para un nomeamento que ten repercusión mundial e contribuirá de xeito decisivo á difusión e protección dun ben que atesoura valores culturais, paisaxísticos e etnográficos dos que debemos sentirnos moi orgullosos todos os lucenses”. “Os lucenses sabemos moi ben a relevancia cultural e, tamén, económica que ten a declaración do Patrimonio Mundial, da que xa gozan na nosa provincial a Muralla romana de Lugo e os Camiños de Santiago Francés, Primitivo e do Norte, incluíndo as catedrais de Lugo e Mondoñedo”, destacou a subdelegada.

Pola súa banda, o subdelegado de Ourense engadiu que este nomeamento é un orgullo para a provincia de Ourense que con esta boa nova, destacaría unha vez máis polos seus recursos e bens naturais.

O ministerio de Cultura presentará a candidatura da Ribeira Sacra á declaración como Patrimonio Mundial ao comité da UNESCO de 2021.