Maica Larriba subliña o excelente traballo que desenvolve a Misión Biolóxica do CSIC en Pontevedra

Maica Larriba subliña o excelente traballo que desenvolve a Misión Biolóxica do CSIC en Pontevedra

28/03/2019


A subdelegada do Goberno en Pontevedra recibe ao delegado en Galicia do Centro Superior de Investigacións Científicas e a directora da Misión Biolóxica de Galicia


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, recibiu hoxe ao novo delegado en Galicia do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Antonio de Ron, e a directora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), Elena Cartea. Larriba considerou fundamental e excelente o traballo que desenvolven os científicos do CSIC  do centro pontevedrés para o sector do agro en toda a comunidade autónoma.

Antonio de Ron, que recentemente foi nomeado delegado do CSIC en Galicia, desenvolve o seu traballo investigador na Misión Biolóxica de Pontevedra dende o ano 1988 e está ao cargo do equipo de “Bioloxía de Agrosistemas”. As súas liñas de investigación versan sobre biodiversidade, xenética e mellora de cultivos, principalmente leguminosas. É responsable da colección de germoplasma vexetal de leguminosas na MBG. Ademáis participou na obtención de doce novas liñas melloradas de xudía-gran e dezaséis de chícharo adaptadas ás condicións agroecológicas de Galicia.

A Misión Biolóxica de Galicia foi creada en abril de 1921 pola Xunta de Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas, presidida polo Premio Nobel Santiago Ramón e Cajal. A MBG situouse orixinariamente na Escola de Veterinaria de Santiago de Compostela, baixo a dirección de Cruz Gallástegui. En 1927, a MBG trasladouse á súa localización actual na parroquia de Salcedo, Pontevedra (a 3 Km. do centro da cidade). A MBG ocupa unha leira e edificios coñecidos como “Pazo de Gandarón” que orixinalmente pertenceron ao Arcebispo Malvar e desde principios do século XX pertencen á Deputación Provincial de Pontevedra. No período anterior a 1936 hai que destacar, sobre todo, a figura de Gallástegui, quen realizou numerosos estudos agropecuarios sobre Galicia, divulgados por el mesmo mediante publicacións e conferencias, dedicando especial atención aos híbridos de millo. A MBG depende na actualidade do Consello Superior de Investigacións Científicas.